A Pobra do Brollón

As Cores do Outono consolídase como festival de música tradicional

Luar na Lubre é o prato forte da V edición do festival As Cores do Outono que chega, precisamente, co inicio da estación. Este sábado, a partir das 16 horas, na Pobra do Brollón.

posando_cores_logo
photo_camera Presentación do festival

A Pobra do Brollón acolle este sábado, día 22, unha das citas máis relevantes do calendario de festivais de música tradicional, As Cores do Outono, que chega a súa quinta edición. Terá lugar a partir das 16 horas na casa da cultura Olga Novo e na área recreativa de Samugueiros, onde tivo lugar a presentación do festival.

A cita encetará ás 16 horas cun faladoiro na casa da cultura en que tomará a palabra Bieito Romero, fundador de Luar na Lubre. Continuará, no mesmo lugar, ás 19.30 horas co circo clown Circo Chosco.

Os concertos dos Searas, Os Carapaus e Luar na Lubre darán comezo ás 21 horas na área recreativa de Samugueiros e terán un condutor de luxo, o humorista, poeta e dramaturgo Lois Pérez.

Un “festival de referencia”

Durante a presentación do acto, o alcalde da Pobra, Xosé Lois Maceda, puxo de manifesto que As Cores do Outono está consolidada como festival de referencia da comarca para afondar nas diferentes vertentes da cultura, “formúlase como unha cita multidisciplinar na que a música tradicional galega é a protagonista, acompañada do teatro ou do cine”.

Antón Veiga, deputado do BNG, valorou o festival como unha cita fundamental para afondar nas raíces culturais, mentres que Xosé Ferreiro, tamén deputado nacionalista, salientou o valor engadido que representa un escenario natural como a área de Samugueiros.

Roteiro de Historia de Galiza

A fin de semana complétase na Pobra do Brollón cunha interesante proposta que terá lugar o domingo, día 23. Trátase dun roteiro de Historia de Galiza “Polas terras irredentas de Lemos, a última gran batalla dos guerrilleiros na Galiza”.

Non cabe dúbida de que A Pobra do Brollón é o plan perfecto para gozar da fin de semana: música, cultura, natureza e historia.

Comentarios