Cultura

Unha corentena con webseries en galego

Se a realidade seguise co seu ritmo habitual, a semana pasada teríase celebrado o Carballo Interplay, un dos festivais de contidos dixitais máis importantes da península. Adiado mais sen confirmar aínda datas, queremos renderlle a nosa particular homenaxe a un evento que contribuíu notabelmente a situar Galiza no mapa da creación audiovisual para internet, favorecendo sinerxías para as novas xeracións abrírense un oco neste eido. Velaí unha escolma de webseries, moitas delas ligadas ao Interplay, para descubrir nestes tempos de coronavirus. 
'Hai vida en Bran?', webserie que fusiona o universo dunha aldea galega coa psicodelia de David Bowie.
photo_camera 'Hai vida en Bran?', webserie que fusiona o universo dunha aldea galega coa psicodelia de David Bowie.

A vaga de cancelacións pola COVID-19 contaxiaba inevitabelmente o Carballo Interplay, que ía ter lugar entre o 2 e o 5 de abril. A organización decidiu adialo, prevendo a situación, aínda sen confirmar unha data concreta. A directora do festival, Sonia Méndez, foi a primeira en facerse, xunto a Sandra Lesta, co premio á mellor serie web galega nos Mestre Mateo de 2012.

A inauguración da categoría pola Academia Galega do Audiovisual viña a dar resposta a un formato que gaña cada vez máis popularidade na rede, servindo de vistoso escaparate de novas creadoras. De facto, mesmo as televisións comezan a apreciar o seu potencial, desenvolvendo plataformas dixitais específicas para estes contidos.

Así, a nivel estatal atopamos Playz, vencellada a TVE, e Flooxer, a aposta do grupo A3 Media. En Portugal destaca o RTP Lab, proposta que ía ter especial oco no Interplay 2020, co país luso como convidado da edición para estreitar lazos nun mercado de proximidade lingüística que non cómpre descartar para o galego, ante a reticencia das televisións estatais a aceptar outras linguas fóra do español. Daquela iniciativa anunciada hai anos pola TVG como espazo para apoiar as novas creacións en galego, por certo, non se soubo máis.

Con ou sen o apoio dos medios públicos, talento e oferta non faltan na Galiza. En homenaxe ao Interplay que non puido ser, ofrecemos unha escolma de webseries en galego para pasarmos estes tempos de coronavirus. Quen non coñeza o xénero que se agarre, porque vai ficar co abraio do que se pode facer con presupostos mínimos e altas doses de creatividade.

Non saímos do lixo

No formato da webserie ben poderiamos encadrar o case histórico programa de komunicando.net Non saímos do lixo. Hai 10 anos xa desta xoia do humor máis reivindicativo e con identidade 100% galega, que iniciaba coa secuencia da "toma do mando da nova executiva da Telejaita tras a fin do bipartito". Sempre é un bo momento para revisitar esta peculiar creación, que contaba, entre outras, coa actuación do Leo Arremecághona e as aventuras do capitán GZ.

NON SAIMOS DO LIXO cap.1 "A television" from komunikando tv on Vimeo.

Fame

As webseries serviron tamén de plataforma para darlle pulo a algunhas das olladas máis prometedoras do audiovisual galego. É o caso de Anxos Fazáns, que para alén de varias curtametraxes experimentaba ao guión e dirección de Fame, webserie que segue as peripecias de Eme e Uve tras unha noite de festa sen control nunha casa rural. Atópase en aberto na web da UVigo.

Galicia Crime

Ao abeiro do premio ao desenvolvemento de webserie en galego promovido polo Interplay e o Concello de Carballo viron a luz varios proxectos. Un deles foi Galicia Crime, de Cousas Veredes, baixo a premisa, en chave de comedia policial, do atentado contra as verbenas dos Concellos Unidos da Galiza. A trama arrinca en Carballork, onde o Detective Dowson e o Sarxento Pillei investigan a estraña morte de Anthony Muffin, "o magnate das magdalenas caras", coa axuda do cadete García, que acaba de chegar de Madrid. Este CSI á galega levou o Mestre Mateo en 2017.

Peter Brandon

Ao ano seguinte, outro proxecto apoiado polo festival gañaba tamén o galardón. Desta volta era Peter Brandon. Unha vida pola comedia, de Porco Bravú e Dinamo, un falso documental que segue a metamorfose do cómico Pedro Brandariz en Peter Brandon, para parecerse máis aos seus ídolos norteamericanos.

Hai vida en Bran?

Hai vida en Bran? é outra das fillas do Interplay. A directora e guionista Angela Andrada tamén protagoniza esta disparatada historia que fai colidir os mundos da aldea de Bran e a psicodelia glam de Bowie. Nunha historia con certa inspiración autobiográfica, preséntanos o retorno á casa familiar de Mariña após rematar os estudos de Belas Artes, nun momento de incerteza e frustración vital no que a súa única vía de escape son as cancións do seu ídolo musical e os cómics que ela propia debuxa.

Dalle Jas!

Por outra banda, Dalle Jas! é unha proposta do Triatreros, grupo de teatro que deu o salto ao audiovisual. Frenética road movie na que cinco estrañas partillan carro por medio dunha app, a comicidade do choque das súas afastadas personalidades vai un paso máis lonxe co segredo que, cando menos, unha das personaxes oculta. Para quen queira descubrilo, a solución está nas dúas tempadas de 6 episodios de libre acceso en Youtube.

Teño unha horta en San Sadurniño

Teño unha horta en San Sadurniño recolle a sabedoría das mulleres do campo feita webserie, grazas ao apoio da Aula Cemit do Concello. Nesta canle de Youtube as labregas ensínannos a plantar desde boniatos até tabaco. As protagonistas, por certo, fixeron un cameo en Antes de perder, a webserie que Sonia Méndez estreou o ano pasado en Playz.

As cousas do choio

En As cousas do choio Román Castaño elabora un tenro retrato do seu avó, Juan 'O Choio', que explica en vídeos breves cuestións elementais da vida: "como entender a xuventude", "como dar cartos ás agachadas", "como non meterse na vida da xente"... Premiada en youtubeir@s e finalista nos Mestre Mateo, levaba o ano pasado o premio á categoría galega do Interplay. Castaño emocionaba o auditorio coa chamada ao protagonista para comunicarlle que gañaran.

Save

Ademais, Castaño, quen coprotagonizara Gafas e Pallaso volveu recentemente á súa faceta actoral recuperando a personaxe de Save. As súas aventuras continúan durante estes días de corentena, con plena actualidade e a inestimábel colaboración de Marga Tilve.

Válgame deus

No escenario rural transcorre tamén Válgame Deus, ficción na que David Perdomo encarna Don Toni, o novo cura dunha pequena aldea. Polo seu confesionario desfilan os hilarantes dramas das freguesas, entre elas Isabel Risco. Mais cal será o segredo que agocha tras a sotana?

Agardadas estreas

Para alén do contido xa en aberto, hai propostas agardando ver a luz. Monstras é o último de Corentena Producións, que anunciaban como a primeira webserie feminista en galego. De momento só puidemos ver nunha difusión en directo, por tempo limitado, o seu primeiro capítulo. Mais promete unha ficción na liña d'As mulleres salvaxes, a súa anterior curtametraxe, centrada na violencia contra as mulleres.

Estreada pero aínda non na rede está A partida, webserie de Vou Films. Catro homes e dúas mulleres, en aparencia descoñecidas, coinciden nunha partida clandestina de póker. Os flashbacks van desvelando as relacións do seu pasado a medida que avanza o xogo.

Fica ademais adiada a presentación das gañadoras á produción de 2019, prevista no Interplay deste ano. Teremos pois que agardar para descubrir o silente universo cómico de Xan ou a aposta interactiva de Amnesia 3.0 nun dos xéneros menos explorados do audiovisual galego: a ciencia ficción. A sociedade distópica desta última ficará para cando o presente pareza menos postapocalíptico.

Comentarios