CoraSons celebran o amor nunha "terra da fraternidade" en Compostela e Vigo

A cuarta feira, día 12 no Teatro Principal de Compostela e o 13 no Auditorio Municipal de Vigo son as novas citas do colectivo CoraSons, unha terra de fraternidade camiñada por Uxía e a súa grande compañía musical con sons da lusofonía enteira. Música, teatro, arte e, en especial, amizade sobre os escenarios. 

CoraSons
photo_camera CoraSons

En total, máis de 40 músicos e músicas de Galiza, Portugal, Brasil, Mozambique e Angola toman parte desta “terra da fraternidade” da que lle gusta falar a Uxía, a ideadora deste novo encontro creado co corazón. António Zambujo, João Afonso, Quiné Teles, Luanda Cozetti e Norton Daiello, Aline Frazão, Serginho Salles, Pierre Aderne canda Najla Shami, Xoán Curiel, Carlos Blanco, Tatán Cunha ou Magín Blanco,  Xosé Manuel Budiño, Pablo Vidal ou Sérgio Tannus son algúns dos nomes que participan no proxecto. Para os novos concertos, sentirase só a ausencia de Zambujo e Aline Franzão por cuestión de axenda mais nos escenarios de Vigo e Compostela o abrazo será múltiple e colectivo. 

Un 14 de febreiro na Casa das Crechas

A historia naceu a partir dunha fotógrafa cun obxectivo singular. Sobre el póusanse os corazóns con extrema facilidade. Coma se tivese un don. Atópaos por todas partes, nas prantas, nas portas, nos obxectos, nas reixas das portas ou nas cordas dos barcos. Ela ve corazóns e a Uxía ese don pareceulle tan marabilloso cando se achegou á obra de Isabel Leal pendurada na Casa das Crechas que decidiu poñerlle unha banda sonora que ía ter, como era de agardar, moitos corazóns. Cúmprense agora dous anos, por volta do 14 de febreiro, cando as imaxes amorosas de Isabel Leal mostráronse ao público nas Crechas e a mellor forma de conmemoralo é o abrazo colectivo por riba dos escenarios, despois dun camiño andado que deron, entre outras cousas, un documental, un libro e un CD publicado por Kalandraka. 

Como nacen os proxectos que Uxía imaxina, aos poucos fóronse sumando persoas, músicos e artistas que partillaron con gusto de CoraSons.Animáronse a gozar da grande festa que foi crear este novo disco-libro, nun berce cálido, na Arousa na que o convivio foi memorábel. 

Contar os nomes de todas as persoas que participaron en CoraSons é tarefa complexa. Fóronse xuntando e o grupo medrou até dar para montar unha gran festa entre todos eles. “É a celebración da amizade, entre xente da música e outra que son afeccionados. Desde Tatán, o actor, até Belén que é cardióloga ou Carlos Blanco, que meteu humor e bo facer no proxecto”, comenta Uxía, verdadeira alma dos CoraSons. Como Isabel Leal ten a habilidade de captar corazóns coa súa cámara, Uxía goza do don de conseguir xuntar xente ao seu redor, coa música como elo singular. En  CoraSons levou esa virtude ao extremo, arremuiñando ao seu carón a ducias de persoas, unhas coñecidas do mundo da música e outras próximas que aportaron entusiasmo ao proxecto. Coma sempre, xentes que viñan tamén de Portugal, de África ou de Brasil. Antonio Zambujo, Joao Afonso, Magin Blanco, Najla Shami, Sérgio Tannus, Xoán Curiel Aline Frazao, Pablo Vidal, Budiño ou Isaac Palacín son algúns deses nomes que fan latexar a música de CoraSons. 

Xuntarse contra as inclemencias 

“Creo niso, nesta maneira de proceder. Sinto que é bo xuntarse, en especial cando os tempos son de inclemencia, como os estorniños. En grupo afróntanse mellor as etapas difíciles. Únenos vivir intensamente a vida e a música, a arte en xeral, a beleza do día a día”, explica Uxía. 

CoraSons é, segundo define, unha sorte de “terra da fraternidade, onde todo o mundo ten que sentirse ben, arroupado”. Confía en que ese sentimento sexa tamén compartido por quen se achegue  a ese convivio no que se converteu o seu novo proxecto colectivo. “Quere chegar a moitos corazóns, que axude a levar a vida mellor. Son cancións algunhas reflexivas, outras divertidas, todas amorosas”, explica dun proxecto no que a grande maioría das cancións foron creadas especialmente para CoraSons. Buscaron, por iso, que fose un agasallo, que transmitise alegría e que a irmandade se contaxiase.

 

Comentarios