A Coral Polifónica de Betanzos recibe a Medalla de Ouro Marcial de Adalid

O xurado destacou que a agrupación contribuíu a “enaltecer e divulgar dentro e fóra da Galiza a música galega”.
A Coral Polifónica de Betanzos recibindo onte o seu galardón. (Foto: Vía Láctea)
photo_camera A Coral Polifónica de Betanzos recibindo onte o seu galardón. (Foto: Vía Láctea)

A Real Academia Galega de Belas Artes (Ragba) celebrou onte o acto de entrega do Premio Medalla de Ouro Marcial de Adalid á Coral Polifónica de Betanzos, na Aula Municipal de Cultura Xulio Cuns de Betanzos.

A entrega deste distintivo, que outorga a Real Academia Galega de Belas Artes á Coral Polifónica de Betanzos, tivo lugar despois da solicitude do Concello de Betanzos con motivo do 50º Aniversario da agrupación.

O evento contou coa participación do presidente da Ragba, Manuel Quintana Martelo; o secretario da institución, Felipe-Senén López Gómez; o académico numerario da Sección de Música, Maximino Zumalave Caneda; o fundador, presidente e director da coral, Manuel López Castro; a alcaldesa de Betanzos, María Barral Varela; entre outras personalidades.

Quintana Martelo felicitou a Coral Polifónica de Betanzos polo seu traballo nestes 53 anos e o recoñecemento da Academia ao labor do seu director e fundador, Manuel López Castro, así como a todos e todas as persoas integrantes da coral desde a súa fundación “por ter contribuído a enaltecer e divulgar dentro e fóra da Galiza a música galega”.

Medalla de Ouro Marcial de Adalid

O presidente lembrou que a Medalla de Ouro Marcial de Adalid instituíuse hai xa 73 anos para, segundo as primeiras bases aprobadas en 1949, premiar personalidades de extraordinario mérito que contribúen ao auxe e esplendor artístico da Galiza. Tamén nestas bases, se incluía a categoría da Medalla de Prata Marcial de Adalid para persoas non profesionais que contasen con 25 anos de pertenza nalgunha agrupación musical.

Quintana Martelo sinalou que “a Coral Polifónica de Betanzos é unha das poucas institucións que ostentan o máximo galardón destes premios. Xunto a ela aparecen nomes de institucións tan senlleiros no noso panorama musical como o Real Coro Toxos e Froles de Ferrol, a Coral De Ruada de Ourense, a Coral Casablanca de Vigo ou a Sociedad Coral Polifónica El Eco da Coruña, en total 16 insignes personalidades e institucións  que contribuíron a manter viva a música dentro do ámbito do noso patrimonio cultural”.

Pola súa parte, o académico Maximino Zumalave indicou que “os coro e as agrupacións musicais son magníficas e necesarias escolas de música e de educación para as relacións persoais”, polo que resulta “fundamental a práctica da música de conxunto xa desde os primeiros momentos da educación”.

“Os coros e as agrupacións musicais son magníficas e necesarias escolas de música e de educación para as relacións persoais”

Aliás, destacou que esta medalla vén a resaltar a importancia que ten a música na vida persoal e de relación cos demais,  “porque  a música non debe ser unha actividade só para os profesionais, posto que cantar xa é en si mesmo un premio”.

Finalmente, sinalou que en Betanzos vivíronse “boas cousas na música” desde marzo de 1969, data na que Manuel López Castro funda a coral, polo que lle agradeceu “a conservación da nosa música como algo vivo, como actividade do presente”.

Comentarios