Francisco Alonso: "O conxunto de pinturas de Casaio é, até o momento, o máis grande da nosa arqueoloxía"

Arqueólogo e autor do descubrimento en 2018.
Idolo oculado. Foto de Spuntik Labrego. Tratamiento digital de Manuel Rey
photo_camera Idolo oculado. Tratamento dixital de Manuel Rey. (Foto: Spuntik Labrego)

Tras a publicación do artigo da revista Complutum, que propón a posibilidade  e que as pinturas rupestres de Casaio (Carballeda de Valdeorras) poidan ser máis antigas do que se pensaba, o arqueólogo da empresa Tempo Arqueólogos e autor do descubrimento destas pinturas no ano 2018, Francisco Alonso, resolve algunhas dúbidas do que podería pasar con elas. Alonso fai especial fincapé na importancia deste tipo de descubrimentos porque, como el mesmo di, "enriquecen moitísimo a nosa arqueoloxía".

Avante Pouca

Por que consideran que as pinturas poden ser do Neolítico?
Porque estas pinturas son paralelas a outras de lugares que xa se sabe que son do Neolítico, deste modo podemos facer unha analoxía entre este tipo de arte. Realmente, penso que pode haber máis conxuntos de pinturas rupestres do Neolítico aínda por descubrir na Galiza, en principio deberían estar nas zonas máis orientais, queda moito por facer e moito por descubrir, quen sabe! Quizais aínda quedan moitas sorpresas por chegar!

Cales son as súas principais características?
Sen dúbida, o número e a calidade dos motivos, así como a aparición do ídolo oculado, unha representación única na Galiza. O conxunto de pinturas de Casaio é, até o momento, o máis grande da nosa arqueoloxía, tanto en cantidade de motivos como en riqueza pictórica dos mesmos. En comparación, os outros puntos con arte rupestre esquemática como Vilardevós e Baleira, son conxuntos moito menores.

Avante Media

Como de importante pode ser un descubrimento como este?

Ao localizárense estas pinturas, o descubrimento xa goza automaticamente da máxima categoría de protección oficial, a categoría coñecida como BIC (Ben de Interese Cultural). Ademais, a localización de diferentes conxuntos permítenos documentar este momento entre o Neolítico e a Idade de Bronce. Sabemos moi pouco desta etapa na Galiza, só o que podemos investigar a través de xacementos escavados e dos petróglifos, pero en tema de pintura aínda nos queda moito por coñecer, non sabiamos nada até o ano 2018, en que comezaron a aparecer os primeiros exemplos en Vilardevós. Aínda que hai outras áreas da península Ibérica que teñen moitos máis conxuntos de pinturas recoñecidos, até hai moi pouquiño non se sabía nada da arte rupestre esquemática galega, por este motivo, todo o que vaia aparecendo enriquece enormemente a nosa arqueoloxía. 

Avante Toda

Cal sería o próximo paso a seguir neste proxecto?  
Principalmente, velar pola conservación e pola protección destas pinturas. Nós, con medios escasos e altruístas, conseguimos levar a cabo unha documentación e unha publicación dos artigos coñecidos, pero agora cómpre realizar unha avaliación do estado de conservación do conxunto artístico. Penso que un equipo de restauradores debería analizar e documentar as casuísticas dun posíbel desprendemento da rocha na que se atopan as pinturas, pois, aparentemente, os motivos artísticos aguantaron ben o paso do tempo, pero existe a posibilidade de que o seu soporte, esas rochas de cuarcita, poidan desprendérense. Todos estes perigos deberían estar moi ben medidos. Ademais, o equipo de restauradores tamén debería levar a cabo unha escavación naqueles puntos do abrigo nos que se puidese e, desta maneira seguir avanzando no coñecemento das propias pinturas. Nós consideramos que estas actuacións son moi necesarias.

Comentarios