A convulsa escolla do director do Marco culmina en Fernández Cid

Miguel Fernández Cid será o novo director do Marco (Múseo de Arte Contemporánea) de Vigo. Anunciouno esta segunda feira o alcalde da cidade, Abel Caballero, quen presumiu dun proceso de escolla “con toda a transparencia, independencia e rigurosidade”. Nin boa parte do tecido cultural da cidade nin a oposición política comparten esa impresión.
 

marco vigo
photo_camera Pancarta de protesta contra o cesamento de Martínez Antelo na fachada do Marco de Vigo. Foto: cedida.

De feito, a Marea de Vigo adiviñara hai máis dun mes o nome da persoa que substituiría a Iñaki Martínez Antelo, cesado a finais de 2017. “É significativo que o nome do novo director estea xa en boca da xente do mundo artístico”, declarou a inicios de xaneiro o seu portavoz, Rubén Pérez. Ao convulso finiquito de Antelo, entre grandes protestas do sector, seguírono afirmacións municipais segundo as que o centro funcionaría, a partir daquela, sen director.

fernández cid

Mais Caballero rectificou e, uns meses despois, abriu un concurso para elixir o director do Marco. Esta segunda feira, a comisión técnica de expertos encargada da selección comunicou a súa proposta unánime, Miguel Fernández Cid. A Marea de Vigo denunciara en xaneiro que as bases do concurso foran “adaptadas ao currículo” de Fernández Cid e que nin sequera esixían competencias en galego ou en inglés.

Miguel Fernández Cid (Pontevedra, 1956) era na actualidade o director xerente da Fundación Gonzalo Torrente Ballester, con sede en Compostela.  Membro da Real Academia Galega de Belas Artes e mais do Consello da Cultura Galego, premio da Cultura Galega de Artes Plásticas outorgado pola Xunta en 2016, foi durante sete anos director do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC). Alí chegara despois da abrupta saída de Gloria Moure.

“É a primeira vez que un director do Marco é escollido por unha comisión de expertos independente en concurso público”, salientou, pola súa banda, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, quen non perdeu a ocasión de esixir “desculpas” aos que “fixeron disto unha batalla política, porque querían eles nomear o director. Algúns mesmo chegaron a me dar nomes”.

Nota: Miguel Fernández Cid, novo director do Marco. Foto: Youtube.

Comentarios