Premios

Convocan nova edición dos Premios da Crítica de Galicia

Os Premios da Crítica de Galicia 2019 contan con oito modalidades e entregaranse o vindeiro 9 de novembro en Vigo co obxectivo de recoñecer labores individuais e colectivos que achegan novas propostas nos diversos ámbitos da creación cultural e da investigación na Galiza.

Premios da Crítica
photo_camera Premios da Crítica

A Asociación Premios da Crítica de Galicia convoca unha nova edición deste galardón cuxa finalidade é facer público o recoñecemento de labores individuais e colectivos no marco da cultura galega que cada ano achegan propostas de importancia aos diversos ámbitos da creación cultural e da investigación na Galiza.

Pódense presentar á convocatoria todas aquelas obras premiábeis en cada modalidade, a cargo das súas autoras e autores, editoras, produtoras ou promotoras antes do 27 de setembro de 2019. Ademais, cada persoa integrante dos xurados poderá presentar cantas candidaturas considere oportunas para a súa valoración polo resto das e dos membros.

A finalidade é facer público o recoñecemento de labores individuais e colectivos no marco da cultura galega

As propostas que se desexen apresentar deberán dirixirse ás secretarías de cada unha das modalidades escribindo [email protected]

Na modalidade de Creación literaria a secretaría ocúpaa María López Sández, en Investigación Jorge Mira Pérez, en Iniciativas Culturais e Científicas Alba Nogueira López, na modalidade de Música Ernesto Sánchez Pombo, en Artes Plásticas Xavier Limia de Gardón, en Artes Escénicas Paula Cabaleiro Comesaña, en Cine e Artes Audiovisuais Mariana Fernández Carballal, e en Cultura Gastronómica Inma López Silva.

Na modalidade de creación literaria considéranse premiábeis todas aquelas obras de narrativa, poesía, ensaio e textos dramáticos, incluíndo a creación literaria infantil e xuvenil, editadas en lingua galega entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2018.

En Investigación pódense apresentar obras resultado dunha investigación contrastada e rigorosa ou desenvolvementos e fitos tecnolóxicos. O xurado valorará a vinculación do obxecto da investigación coa Galiza.

Na modalidade de música poderán concorrer traballos de composición, interpretación e compilación musical editados en formato de partituras, discos ou comunicados publicamente en Internet entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2018, así como as composicións e obras musicais estreadas nese período e os labores interpretativos nos que concorran características que lles confiran unha recoñecida proxección ao longo do mesmo período.

Así mesmo, considéranse premiábeis todas aquelas persoas que, tendo unha traxectoria iniciada con anterioridade, ofrecesen dentro ou fóra da Galiza un fito destacado na música durante o ano 2018.

Na modalidade de Iniciativas Culturais e Científicas son premiábeis feitos ou labores que, emprendidos por persoas, asociacións, empresas, entidades ou institucións, destacasen na defensa, pulo ou espallamento da cultura e da ciencia galegas e que, podendo ser consecuencia dunha traxectoria iniciada con anterioridade, permanecesen vixentes durante o ano 2018.

Nas Artes Plásticas poderanse apresentar traballos de pintura, escultura, ilustración, fotografía, arquitectura e deseño que fosen realizados, presentados en exposicións ou comunicados publicamente de forma presencial ou virtual entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2018.

Do mesmo xeito que na modalidade anterior, serán premiábeis persoas que, tendo unha traxectoria iniciada con anterioridade, ofrecesen dentro ou fóra da Galiza un fito destacado no eido das artes plásticas e visuais durante o ano 2018.

Nas Artes Escénicas considéranse premiábeis nesta modalidade todos aqueles traballos de teatro, danza, maxia e circo, estreados de forma presencial ou virtual entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2018. Así mesmo, tamén entrarán a concurso todas aquelas artistas do eido das artes escénicas que, tendo unha traxectoria iniciada con anterioridade, ofrecesen dentro ou fóra da Galiza un fito destacado durante o ano 2018.

Na modalidade de Cine e Artes Audiovisuais son premiábeis traballos de cine, vídeo, televisión, videocreación e outras expresións das artes audiovisuais, estreados ou comunicados publicamente de forma presencial ou virtual entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2018.

Do mesmo xeito, tamén se poderán apresentar todas aquelas artistas do eido do cine e artes  audiovisuais que, tendo unha traxectoria iniciada con anterioridade, ofrecesen dentro ou fóra da Galiza un fito destacado durante o ano 2018.

A modalidade de Cultura Gastronómica premiará aquelas iniciativas de cultura gastronómica desenvolvidas entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2018 e as persoas e entidades do eido da cultura gastronómica que ofrecesen dentro ou fóra da Galiza un fito destacado durante o ano 2018.

Comentarios