Convocados os Premios de Teatro María Casares

A Asociación de Actores e Actrices de Galicia vén de convocar os XX Premios de Teatro María Casares. O prazo de inscrición remata o 11 de xaneiro. 

maria casares xerra_tamara de la fuente
photo_camera A xerra dos Premios María Casares [Tamara de la Fuente]

A Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) convoca os XX Premios de Teatro María Casares, cuxa gala de entrega se celebrará o vindeiro 30 de marzo no Teatro Rosalía Castro da Coruña. Poderán participar todos os espectáculos de teatro de actor en lingua galega estreados entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2015 e o prazo de inscrición iníciase este martes 22 de decembro e pecha o 11 de xaneiro. Por vez primeira, o proceso tanto de inscrición como de votación realizarase integramente a través da rede. 

Os Premios de Teatro María Casares entregáronse por vez primeira en 1997 e no vindeiro 2016 chegarán á súa vixésima edición sendo o gran escaparate do teatro e a gran festa para todos os profesionais do sector. En total, os galardóns contan con 14 categorías: espectáculo, espectáculo infantil, actriz protagonista, actor protagonista, actriz secundaria, actor secundario, dirección, adaptación-tradución, texto orixinal, música orixinal, iluminación, escenografía, maquillaxe e vestiario. Durante a gala, que se celebrará o 30 de marzo, entregarase o Premio de Honra Marisa Soto e darase a coñecer o Manifesto Galego no Día Mundial do Teatro. 
 

Comentarios