Convocados os premios de poesía e xornalismo Johán Carballeira

O Concello de Bueu vén de convocar o XX Premio de Poesía Johán Carballeira de Poesía e o XIV de Xornalismo, dous certames que xa son todo un referente no país e que buscan homenaxear a figura do poeta, escritor, xornalista e alcalde de Bueu, Johán Carballeira, quen foi fusilado en 1937 a mans dos franquistas.

lopo-bueu
photo_camera Antón Lopo durante a entrega do premio de Xornalismo de 2015 por un texto publicado no Sermos Galiza

Así, todas as persoas que desexen participar poderán enviar por correo ordinario ou electrónico as súas obras escritas en galego antes do 16 de xaneiro de 2017. Ambos os dous premios están dotados de 1.500 euros, e no caso do de poesía, o Concello publicará -como todos os anos- o poemario gañador da man da Editorial Xerais.

Estes premios, que naceron como unha homenaxe ao político, poeta e xornalista de Bueu, tivo como gañadores na pasada edición a  Pura Tejelo na categoría de poesía pola obra 'A elegancia do século', e a Antón Lopo pola reportaxe “Terán que volver os bárbaros para liberarnos”, publicada orixinariamente no Sermos Galiza.

Ao longo da súa historia, estes certames teñen galardoado na categoría de xornalismo a Francisco Seoane Pérez, Óscar Curros Moure, Moncho Paz, Cristian López Iglesias ou Arturo Sánchez Cidrás, entre outros; e na categoría de poesía, a poetas tan recoñecidos como Xosé Carlos Caneiro, Yolanda Castaño, Xurxo Alonso, Mario Regueira, Berta Dávila, María Carmen Caramés ou Ismael Ramos, entre outros.

Comentarios