Convocado o Premio Vicente Risco de Ciencias Sociais

not_15765
photo_camera Imaxe de Vicente Risco cando novo. (Consello da Cultura Galega).

A Fundación Vicente Risco vén de facer pública a convocatoria da XXIV edición do Premio Vicente Risco de Ciencias Sociais, que este ano estará dotado cun importe de 4.000 euros.

O certame, desenvolvido pola Fundación Vicente Risco, os Concellos de Allariz e Castro Caldelas e a Escola de Ciências Humanas e Sociais da Universidade de Trás-os-Montes e Alto Douro de Vila Real, ten como obxectivo “honrar a memoria de Vicente Risco, axudar á consolidación da cultura e fortalecer as relacións de Galiza con Portugal e a Lusofonía”.

Prazo límite: 31 de xaneiro de 2020

As bases sinalan que poderá participar calquera persoa que presente os seus textos en língua galega ou portuguesa, seguindo as normativas estabelecidas polas academias de ambas as dúas linguas.

Os traballos presentados deben ser inéditos, orixinais, e estar estruturados arredor de investigacións referentes a Galiza e, ou, ao norte de Portugal, “sempre desde o punto de vista das Ciencias Sociais, como a antropoloxía, arqueoloxía, socioloxía, historia, lingüística, xeografía, a economía ou o turismo”, apostilan desde a organización. Ademais, engaden que “serán especialmente valorizados” aqueles textos que “se adequen aos usos habituais do ensaio”.

A extensión deses proxectos será dun mínimo de 150 e dun máximo de 300 páxinas tamaño DIN-A4 a dobre espazo en letra Arial 12, como adoita ser habitual nos certames deste tipo.

O prazo de presentación dos traballos remata o 31 de xaneiro do vindeiro ano 2020, e terá que facerse, obrigatoriamente, por vía telemática en formato pdf a través do correo electrónico ‘[email protected]’, engadíndolle o nome completo do autor ou autora, o respectivo documento de identidade, e datos de contacto como teléfono ou e-mail.

Un xurado de primeiro nivel

O xuri do premio estará conformado por cinco persoas “ligados ao campo da cultura e das ciencias sociais que serán nomeados polas institucións organizadoras do premio”, e outorgará o galardón “por maioría de votos”.

O nome das espertas e espertos que integren ese xurado será feito público na primeira quincena do mes de abril de 2020, pouco antes de que faga pública a súa decisión, que será inapelábel e dada a coñecer nas redes sociais da Fundación Vicente Risco.

O gañador ou gañadora -no caso de haber un, pois o premio “pode ser declarado deserto no caso de que o xuri así o considere”-  recibirá, ademais da cantidade económica de 4.000 euros, 25 exemplares da obra publicada en soporte papel.

Entroido ou emigración, entre os gañadores do Vicente Risco

Nos seus, até o de agora, 23 anos de historia, o Premio Vicente Risco de Ciencias Sociais ten un listado de traballos gañadores cunha temática do máis ecléctico elaborados por autoras e autores de primeiro nivel.

O último foi Carlos Ares, cun estudo sobre o entroido ourensán, pero en edicións anteriores tamén triunfou xente como Rafael Quintía -pola súa análise estrutural e simbólica do mito da Moura galega-; Elixio Villaverde -por recuperar a protohistoria da emigración galega en México-; ou Pilar García Negro, colaboradora de Nós Diario, pola obra O clamor da rebeldía. O nacemento do ensaio na literatura galega contemporánea, simultáneo ao nacemento da conciencia de xénero: análise e interpretación de textos rosalinianos, considerada polo xurado da edición de 2010 como “un excelente ensaio no que a autora, con gran madurez, reflexiona sobre a figura de Rosalía non só como fundadora da literatura galega contemporánea, senón tamén como membro dun colectivo que nunha situación totalmente adversa e de xeral desprestixio de Galicia e dos galegos soubo reivindicar a lingua galega e tamén a dignidade das galegas e galegos como pobo”.

Comentarios