Convocado II Certame Manuel María de proxectos teatrais para compañías profesionais

A gañadora, para alén do premio económico, terá garantida unha serie de representacións en diferentes concellos.

María Peinado. Instagram
photo_camera María Peinado. de Teatro da Ramboia, gañadores da I edición.

A Casa-Museo Manuel María convoca a segunda edición do Certame Manuel María de Proxectos Teatrais para compañías profesionais.

O Certame, de periodicidade bienal, ten por obxecto premiar a mellor proposta escénica sobre textos de Manuel María. Poderanse presentar as compañías profesionais ou produtoras de teatro galegas, así como empresarias ou artistas a título individual que conten con cobertura de produción para a súa representación.

O certame supón a colaboración entre a Casa-Museo Manuel María e diferentes concellos e deputacións. Isto fai que presente unha fórmula absolutamente orixinal en canto que, por unha parte, a Casa-Museo achegará a cantidade de 4.000 euros (o duplo que na primeira edición) como axuda á produción do proxecto gañador e, pola outra, as institucións públicas comprométense a que o espectáculo se represente no seu ámbito territorial.

A estas alturas, dado o contexto socio-sanitario que se está a vivir, non está pechado o número de concellos que van participar nesta segunda edición, mais desde a organización agárdase, cando menos, igualar os 26 da edición anterior.

A data límite para que as compañías presenten os seus proxectos é o 30 de setembro.

Na primeira edición a Comisión de Selección, composta por Manuel Lourenzo, Quico Cadaval e Belén Pichel, recoñeceu como mellor proxecto o presentado por Teatro da Ramboia sobre o texto de Manuel María O meu mundo non é deste reino ou Farsa do Bululú

Comentarios