Convocada a III edición do Premio Laudamuco de Textos Teatrais

Prazo aberto até 12 de febreiro de 2021, con 7.000 euros en xogo
Roberto Vidal Bolaño
photo_camera Roberto Vidal Bolaño. (Foto: Cedida)

Edicións Positivas e o Concello de Brión convocan unha nova edición do Premio Laudamuco de Teatro, coa intención de estimular e apoiar a creación dramática en lingua galega e contribuír ao recoñecemento de Roberto Vidal Bolaño.

O prazo de admisión de orixinais rematará o día 12 de febreiro de 2021 e a dotación económica será de 7.000 euros e a edición da obra gañadora.

Neste terceiro galardón poderán concorrer todas as autoras e autores de calquera nacionalidade que presenten obra dramática inédita e nunca antes premiada, sempre que estea escrita en lingua galega. O tema e a extensión será libre.

De cada texto deben presentarse cinco copias asinadas cun lema, en paquete sen remite. Nun sobre anexo fechado deberá figurar, no exterior, o lema, e conter no interior os datos persoais da autora ou autor.

O xurado estará composto por cinco persoas de recoñecido prestixio no ámbito da arte teatral. Será proposto pola Academia Galega de Teatro e nomeado polo Alcalde de Brión. Actuará como secretaria a persoa elixida por maioría entre os membros integrantes.

Na proposta de resolución haberá unha única obra gañadora. A entrega do premio terá lugar nun acto organizado polo Concello de Brión o 16 de maio de 2021, 42 anos após a posta en escena da obra que lle dá título: Laudamuco, señor de ningures.

As bases reivindican que esta "foi a obra coa que o teatro galego iniciou a súa singradura profesional". Detrás do proxecto, dirixido por Vidal Bolaño, atopábase a Compañía Antroido. "Aquela decisión foi determinante para o conxunto do sistema teatral galego e sen ela non se podería explicar a historia posterior do noso teatro", engaden.

Comentarios