Sábado 14 de xullo en Outeiro de Rei

O Convivio da Cultura Galega xunta asociacións de base de todo o país

A Casa Museo Manuel María organiza, por quinto ano consecutivo, o Convivio da Cultura Galega. Será o sábado 14 de xullo en Outeiro de Rei, a vila natal do poeta.
 

casa museo manuel maría
photo_camera Imaxe da Casa Museo Manuel María. Foto: cedida.

imaxe do cartaz

“É unha xornada lúdica e festiva, de convivencia, de recuperación do espírito comunitario da tradicional romaría de Santa Isabel de Outeiro de Rei”, explican os organizadores, “e está aberta a todas as persoas e a todo o asociacionismo cultural de base que se move en Galiza”.

Coa Casa Museo Manuel María colaboran no convivio a Federación Galiza Cultura, as asociacións culturais Solfa de Compostela e Agra do Orzán da Coruña e mais a Deputación de Lugo.

O programa da xornada de lecer comezará ás 11.30 da mañá cun acto de acollida na horta da casa. Actuará o grupo tradicional Untia e o coro Solfa. Unha hora despois, haberá unha ofrenda floral a Manuel María no cemiterio de Outeiro de Rei. A banda municipal Sons e Soños -que xunta os concellos de Rábade, Outeiro de Rei e Begonte e dirixe Armando Morales- ofrecerá un concerto antes de xantar. Será na carballeira de Santa Isabel á unha do mediodía.

Á tarde, continúan as actividades. Ás catro e media, a compañía Pereira de Lobos representa o espectáculo de monicreques Berenguela. Aventuras e desventuras dunha espiña de toxo. Xurxo Souto encargarase de animar a foliada “para cantar e bailar” coa que pechará, a partir das cinco, esta quinta edición do Convivio da Cultura Galega.

Nota: cartaz da xornada.

Comentarios