Convivio da Cultura Galega arredor de Manuel María

Este sábado 8 de xullo terá lugar en Outeiro de Rei a cuarta edición do Convivio da Cultura Galega, un encontro aberto ao asociacionismo cultural de base.

convivio
photo_camera Imaxe dunha edición anterior

O encontro, aberto a todas as persoas e a todo o asociacionismo cultural de base, desenvolverase entre a Casa-Museo Manuel María, no centro da vila de Outeiro, e a Carballeira de Santa Isabel. Haberá música de Milesios, Reviravolta, Maraxe, Parabéns e a banda de música de Begonte-Rábade-Outeiro e a banda e coro de Solfa de Compostela. Ademais, haberá unha foliada que animará Xurxo Souto a partir das 17 horas.

Este evento quere ser, en palabras dos organizadores, "unha xornada lúdica e festiva, de convivencia, de recuperación do espírito comunitario"

O Convivio está organizado pola Casa-Museo Manuel María, canda a federación Galiza Cultura de asociacións culturais galegas e a Asociación Cultural e Musical Solfa de Compostela. Este evento quere ser, en palabras dos organizadores, "unha xornada lúdica e festiva, de convivencia, de recuperación do espírito comunitario da tradicional romaría da Santa Isabel de Outeiro de Rei, de foliadas e xantar demorado. Todo isto arredor da figura de Manuel María, que dedicou por enteiro a súa vida á construción dunha cultura propiamente galega, dun país normal e normalizado, e que tanto colaborou co nacemento de tantas asociacións e proxectos culturais".
 

Comentarios