Converter a casa natal de Carvalho Calero nun complexo cultural

O anteproxecto para recuperar a casa natal de Ricardo Carvalho Calero pretende converter o espazo, no barrio de Ferrol Vello, nun auténtico "complexo cultural", de uso público e cun museo dedicado á figura do autor homenaxeado coas Letras Galegas en 2020.

fotonoticia_20210409160944_1920
photo_camera Recreación da rehabilitación da casa de Carvalho Calero en Ferrol. (Foto: Cedida)

O concelleiro de Urbanismo de Ferrol, Julián Reina, presentou este anteproxecto do inmóbel, propiedade do Concello desde hai más dunha década e nun importante estado de abandono e deterioro que se agravou co paso do tempo.

A proposta elaborada desde a propia área de Urbanismo servirá para poder contratar o proxecto de execución, cuantificado en máis de 1,2 millóns de euros.

Segundo detallou o edil ferrolán, o anteproxecto comprende unha actuación nos cinco inmóbeis propiedade do Concello na zona. Concretamente os números 45, 47, 49 e 51 da rúa San Francisco e o número 14 da Praza Vella, onde a superficie construída chegaría aos 1.163 metros cadrados.

Arquivo fotográfico

Todos os edificios presentan un estado lamentábel na actualidade, e os traballos incidirán en "recuperar aspectos identificábeis da vivienda, como fachadas e galerías, cuberta e muros medianeiros a partir do arquivo fotográfico do que dispón o Concello.

Os muros "están desaparecidos en 80%", de modo que será necesario reconstruílos para conservar a estrutura das parcelas ·dunha forma recoñecíbel e recuperar a individualidade das edificacións que había", detallou o edil.

"Temos a intención de que estes inmóbeis se convertan nun complexo cultural e de servizos, e entre as posibilidades que barallamos están unha zona de usos múltiples, un espazo de coworking e a que sería a Casa Museo de Carvalho Calero, que marca a propia esencia da rehabilitación", explicou.

Por último, Julián Reina detallou que o seu departamento traballa na redacción dos pregos do proxecto definitivo, tratando de axilizar prazos para licitar as obras o antes posíbel, estimando que o obxectivo é "ter finalizada esta actuación en 2023".

A actuación estará apoiada con achegas do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) ao amparo da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sustentábel e Integrado (Edusi) 'Ría de Ferrol, Cidade 2020' e do propio Concello.

Comentarios