Cultura

As Conversas In-Certas promoven a reflexión do teatro pospandemia

A primeira cita é con Pilar Portela 11 de xuño
teatro
photo_camera teatro

"Son tempos incertos, e acaso por iso precisamos máis que nunca comunicarnos, aínda que sexa para falar de incertezas", confesan desde a Erreguete - Revista Galega de Teatro e ZonaZero. Ese é o motivo que leva as dúas entidades a organizaren as Conversas In-certas, unha iniciativa que pretende ofrecer "un espazo de comunicación, reflexión e investigación" marcado pola dúbida, co afán de pór en cuestión para debater e propor.

E faino coa ollada posta nos beneficios da videocomunicación dixital á que semella que o confinamento nos habituou, circunstancia que permite xuntar, de maneira sinxela, profesionais do sector teatral galego para partillaren inquietudes.

A programación a debate

O ciclo asume o desafío de comezar polo apartado que a día de hoxe semella máis complexo nas artes escénicas: a programación. Así, inaugurará o faladoiro esta quinta feira 11 de xuño ás 18 horas Pilar Portela, xerente do Pazo da Cultura de Pontevedra e presidenta da Asociación Profesionais da Xestión Cultural.

Seguirana nas vindeiras semanas Carmen Castro, xefa do servizo de Cultura do concello de Carballo (18 de xuño), e Xaquín López, director do Auditorio da Galiza (25 de xuño). No futuro, a organización apuntan cara ao tratamento doutros temas, como a escrita, a interpretación, a iluminación, a crítica ou a dirección.

As conversas virán introducidas por Esther F. Carrodeguas, e a inscrición para acceder ao Webinar será vía mail, a onde tamén se poderán remitir as consultas que as persoas queiran facer ás participantes, que terán que ser sempre por anticipado, nun intento de "non sumar incerteza á incerteza".

Comentarios