De contos polas tabernas de Carballo

"Contos de taberna" promociona a hostalería carballesa con escritores/as como Xurxo Borrazás, Rosalía Fernández Rial, María Canosa, Paco Souto, Henrique Mariño ou Mercedes Queixas. Se as tabernas falaran, canto nos terían que contar… Pois en Carballo conseguiron que falasen. 

.
photo_camera .

A iniciativa "Contos de taberna" petou á porta de catorce estabelecementos da vila e dunha equipa de creadores ligados a Carballo (tanto do mundo da escrita coma das artes plásticas) para proporlles o seguinte: que cada autor, que cada autora, escribira un texto inspirado en cada un dos locais, que sería ilustrado por unha ou un artista plástico. Os resultados poderán coñecerse entre o 23 de abril, Día do Libro, e o 17 de maio, Día das Letras. A quen acuda aos locais participantes e faga un gasto mínimo nunhas consumicións estabelecidas, seralle entregado o conto ficcionado sobre ese estabelecemento. Ás persoas que os reúnan todos, o Concello regalaralle unha caixiña especial onde poder gardalos.

Esta é unha das iniciativas do programa Quedamos en Carballo, que ao longo deste ano, e da man da Concellería de Promoción Económica carballesa, está a levar a cabo diversas accións que botan man da cultura para promocionar o comercio local e a economía da zona. Turismo e creación estanse a dar a man, por exemplo, noutras iniciativas como "Derrubando muros con pintura", que está a conseguir notable repercusión mediática dándolle nova vida a vellos muros da vila, ou o Carballo Interplay, o primeiro festival de webseries do Estado, que se celebrará esta semana, do 24 ao 27 de abril.

As plumas

Os textos están escritos por un grupo amplo de creadoras e creadores vinculados a Carballo, algún deles ben coñecido como Xurxo Borrazás. Participan coa súa escrita Ignacio Silva, Santi Garrido, Xurxo Borrazás, Ramón Vilar Landeira, Fernando Cabeza Quiles, Cristina Abelleira, Mercedes Queixas, Henrique Mariño, Alberto Varela Ferreiro, Xosé Antón Andrade, Paco Souto, María Canosa, Rosalía Fernández Rial e Beatriz Fraga.

Os textos serán ilustrados por varias e varios artistas vinculados á zona, ben por teren nacido aquí, ben por teren participado en iniciativas, como "Derrubando muros con pintura", ligadas á capital bergantiñana. Participan na iniciativa cos seus debuxos Roberta Venanzi, Mon Lendoiro, Eva Facal, Paula Fraile, Antonio Taracido, Emi de las Heras, Cristina Castro, Antonio Reino, Santi Picos, Alberto Varela Ferreiro, Milagros Cotelo, Pedro Tasende, Lidia Cambón e O´Mighelo.

Comentarios