Xoán Ramón Fernández Pacios

“Continuamos a ser aquel grupo de persoas a poñer moitas horas e ilusión pola lingua e cultura galega”

A asociación cultural A Pomba do Arco vai para as tres décadas de existencia. Case 30 anos de pular desde Foz polo idioma e a cultura do país. Esta quinta feira acollerán a presentación do libro ‘As contas que nos contan’, de Xosé Díaz, un acto a engadir á longa lista de actividades.

manuelmaria-foz
photo_camera Unha das actividade que A Pomba do Arco realizou nestes anos.

A asociación cultural A Pomba do Arco naceu en outubro de 1989, tomando o nome dun poema do surrealista francés Robert Desnos. (“Maldito / sexa o pai da esposa do ferreiro...) Presentouse ao público co maxistrado Xoán Xosé Barreiro e a catedrática Pilar García Negro como ‘padriños’. Desde entón, vai para 28 anos, A Pomba do Arco caracterizouse por impulsar múltiples actividades en eidos que abranguen desde a cultura até a historia, pasando por outras, como as viaxes ou a creación de clubes de xadrez ou lectura. Falamos con Xoán Fernández Palacios, presidente desde hai seis anos da asociación que esta quinta feira (20:30 horas, libraría Bahía) presentan o libro ‘As contas que nos contan’, de Xosé Díaz e editado por Sermos Galiza.

- Máis unha presentación dun libro en Foz e máis unha vez da man de A pomba do Arco. A divulgación é un dos compromisos que mantedes desde a vosa constitución en 1989, non é?

fernández pacios a pomba do arco foz

- Un dos nosos grandes intereses é a defensa e promoción da cultura galega, a súa difusión. Desde o principio apostamos en presentar libros en Foz, traendo os seus autores e facilitando así que a xente  os coñeza e haxa diálogo, debate. Queremos divulgar de todos os estilos, de poesía, narrativa, ensaio... o único requisito é que estean en galego. Para esta voz escollemos este. Cando falamos na directiva pareceunos acaído porque fala de economía mais explicando moi ben como nos afecta no peto, e iso sempre interesa (ri).

- Mais a presentación de libros non é ao que se limita as actividades que facerdes desde esta asociación, que tedes fama de bule bules...

- Ao longo de todos estes anos puxemos en andamento diferentes iniciativas. Como a Festa da Palabra, na que nas últimas edicións tivemos xente como María lado ou Fran Amil. Editamos os libros ‘Pedimos a palabra’ na que alternan poetas focegos con outros máis consagrados...

Outra das facetas que nos interesa e na que nos implicamos é a da recuperación, como a dos cantos e coplas de Carnaval, que era unha tradición moi vina en Foz e na Mariña e que se perdeu cando foi devalando o carnaval tradicional. A través de ‘Touporroutou’ deixamos unha caixa polos bares onde a xente pode deixar anonimamente as súas coplas, que despois nós cantamos chegado o día...

- A historia, nomeadamente a local e a contorna, é outro dos campos nos que traballastes durante todos estes anos

- As xornadas de historia local levan máis de 20 edicións... fanse no verán na Casa da Cultura e hai que dicir que o salón, de máis de 100 cadeiras, fica pequeno, tendo a xente que estar polos corredores. Son catro días adicados á historia de Foz e da contorna, na que veñen diferentes historiadores e expertos.

A maiores, temos o programa ‘Coñecendo Foz’, no que procedemos a facer visitas guiadas a eses sitios que aquí todo o mundo coñece pero apenas ou nunca foi. Por exemplo, o Pazo de Fontao. Era para 25 prazas e fomos 40. Ademais ficou en lista de agarda 22 persoas polo que haberá que repetir no verán (ri).

- Cambiaron moito as cousas nestas tres décadas?

Nós procuramos non vivir das subvencións. Hai asociacións que dependían das axudas da Xunta ou Deputación e cando estas diminuíron non puideron seguir. Se mañá desde as administracións deciden non darnos un euro nós seguiriamos coas nosas actividades como até agora. Continuamos a usar aquilo que se usaba hai anos, o compromiso.

- Como resumiría o que significa Pomba do Arco?

Continuamos a gora a ser como cando nacemos, un grupo de rapaces e rapazas que lle poñen moitas horas e ilusión para facer todas estas cousas das que esivemos falando. E a mellor recompensa é a asistencia, é o mellor premio. Sen a xente que vén a eles todo isto non tería sentido.

Comentarios