Contemplar a extinción desde o poema

Marta Dacosta vén de publicar Notas sobre a extinción (Galaxia), un poemario que enfronta o fenómeno da extinción a través da contemplación, do adestramento da mirada sobre un mundo que esvaece sen que saibamos como reaxir ante a terríbel perda que se está a materializar ao noso arredor e que non atinxe só á natureza.
Marta Dacosta nunha lectura de poemas de Rosalía de Castro (Foto: Santos-Díez / AELG)
photo_camera Marta Dacosta nunha lectura de poemas de Rosalía de Castro (Foto: Santos-Díez / AELG)

A poesía nace coa vontade de formar parte da existencia, de fundirse coa realidade e mesmo de contribuír a transformala. Nun tempo en que a principal ameaza sobre o mundo procede da súa sobreexplotación, na idade das extincións masivas, do quecemento global e do empobrecemento sen ¡ precedentes da biodiversidade, os poemas de Marta Dacosta apuntan unhas Notas sobre a extinción -o título do seu último libro- que advirten sobre o colapso do planeta, mais tamén invita a deterse e contemplalo para reparar na perda que se anuncia, para tratar de que sexamos conscientes da íntima conexión que o liga todo e que forma parte do noso ser.

A paisaxe érguese como horizonte último destes poemas, mais non a paisaxe épica dun Novoneyra, senón a das cousas humildes, a do morcego que se extravía no solpor, a da avelaíña que pousa nun libro, a da lentitude da herba. "É unha preocupación que teño desde sempre", afirma Dacosta, "a paisaxe é algo moi importante para min, un tema de preocupación que neste momento de colapso acabou verbalizándose. O devir do mundo no que estamos é, loxicamente, un asunto que debe preocuparnos a todas e a idea de extinción recollía moitas das teimas que me ocupan o pensamento.

A extinción para min, non supón soamente a desaparición física, senón tamén a invisibilización, o esvaecemento que supón o non saber ver as cousas. Cando deixamos de ver algo, deixamos de nomealo, e iso, dalgunha maneira, é unha forma terríbel de extinción".

A mirada e o poema

Notas sobre a extinción, quizais pola magnitude do tema, semella máis reflexivo que o resto da obra de Dacosta, ou polo menos máis contemplativo. “Eu diría que é un libro de observación, de aprender a mirar as cousas. Mentres o escribía decateime de que deixaba un pouso diferente, talvez como resultado de adoptar esa posición de observadora. Claro, tamén é o resultado do paso do tempo, de como imos cambiando a mirada. Mais, en  todo caso, si hai algunhas conexións con outros libros meus, de hai anos, que xa manifestaban ese interese pola paisaxe, como Crear o mar en Compostela.

A extinción non afecta só ao mundo natural. No libro de Dacosta resoan palabras que van esquecéndose: arxe, cervúa, loia, tartaraña, xibarda, zarapelo, lavanco, cágado, cancereixo... Unha cultura que lle dá nome ás cousas tamén desaparece cando as súas palabras son eliminadas, ou substituídas por outras. “Moitas veces facemos compartimentos estancos, como se as cousas non se tocasen. Mais cando falamos de que esas cousas desaparecen, estamos falando da nosa forma de vivir, da nosa identidade como especie na terra.

Esa identidade ten a ver co uso que facemos da terra no espazo no que vivimos e, por suposto, de como nomeamos o mundo. Hai un ensaio de Antonio Gamoneda, Fonación, palabra y escritura, que defende a idea de que o mundo existe cando o nomeamos, non antes; de que primeiro é a palabra e logo, a realidade. E isto é o mesmo que di Manuel María: o idioma é a chave coa que abrimos o mundo. Por iso, por exemplo, en galego temos máis de cen palabras para nomear a chuvia. E podemos perder este espazo, esta paisaxe e esta lingua. Que é como perdernos nós mesmos”.

Por iso o libro tamén se ergue como berro de protesta ante unha forma de vida que non nos permite apreciar a beleza do mundo. "Nese sentido, é un manifesto a favor do acougo, en contra desta velocidade absurda que rexe a nosa existencia e que acaba enfermándonos e impedíndonos reflexionar sobre cal é o noso lugar no mundo". 

A complicidade entre poesía e natureza

A lingua nunca é excluínte e sempre atopa físgoas por onde agrandar a visión da existencia. Dacosta experimenta no libro con formas xaponesas como o haiku ou a tanka. “Estas estrofas obrigábanme a prescindir do superfluo, do innecesario. Precisan dunha enorme concisión para trasladar a mensaxe. Pero ademais está o feito de que Xapón foi, durante séculos, un país sometido a China e, polo tanto, a súa cultura foi minorizada. A literatura culta era a chinesa e foron as mulleres as que inventaron formas como o tanka e mesmo o tipo de escritura silábica, o hiragana, na que se escribía. Os homes recibían a formación académica –aprendían a lingua e a poesía chinesas- e as mulleres crearon unha forma de escrita para expresarse na lingua en que falaban. Iso atraeume moito e quixen afondar nesas formas"

Ademais existen moitos paralelismos que sinalan á vella complicidade entre o poema e a natureza. "Eu non me atrevo a dicir que a imaxe do cervo baixando ao río que se pode ler na poesía medieval xaponesa é a mesma imaxe que lemos na lírica dos cancioneiros, mais a correspondencia está aí. Creo que existe esa unidade da poesía por riba das distancias, e estou convencida de que iso procede da contemplación da natureza".

"A ponte de pedra que detén o río"

Notas sobre a extinción ten algo de documento notarial, de dar testemuño de que algo existe. Marta Dacosta explica que "é unha colección de visións. Trátase de reter a través das palabras, que é como eu podo deixar constancia desta realidade  que nos rodea antes de que desapareza para sempre".

Comentarios