O FESTIVAL PIONEIRO DE WEBSERIES

Conta atrás para un novo Carballo Interplay

Foi o primeiro festival de webseries do Estado. Na súa segunda edición, do 16 ao 18 de abril, sorprende con dúas novidades: será internacional e irá alén das webseries.

A menos de dúas semanas para a segunda edición do Carballo Interplay, o festival preséntase en público con tres grandes novidades que dan fe das medras da criatura ao longo destes doce meses. Pasa a ser internacional, con webseries seleccionadas entre os máis diversos recunchos a un e a outro lado do Atlántico, dende Colombia, Perú, Arxentina, Brasil ou México, até Portugal, Reino Unido ou Francia. Deixa de estar só centrado neste formato de ficción para converterse en festival de contidos na rede e abrirse aos diferentes múltiples formatos, usos e xéneros nos que callan, dende o humor e a performance interactiva até o documental ou a recuperación do patrimonio audiovisual. E, por último, esténdese no tempo. Dende o pasado outono, realizáronse no Fórum da vila un total de 13 obradoiros con recoñecidos expertos e expertas que tocaron a práctica totalidade dos paus do oficio.

Este ano foron un total de 43 as webseries seleccionadas (20 nacionais, 18 internacionais e 5 con versión orixinal galega) entre as máis de 144 que chegaron dende os máis diferentes puntos do planeta, mesmo do ámbito anglófono como Estados Unidos ou Canadá. Nesta aposta pola internacionalización, o Carballo Interplay contactou ao longo destes meses cos restantes festivais internacionais do ámbito e forma parte xa, hoxe en día, dunha rede conxunta.

A rede dáse cita en Carballo

"O Carballo Interplay servirá de encontro físico a creadores e creadores de Galiza, do Estado e mesmo alén que fan da rede o seu lugar de traballo e experimentación."

O Carballo Interplay servirá de encontro físico a creadores e creadores da Galiza, do Estado e mesmo alén que fan da rede o seu lugar de traballo e experimentación. O certame servirá pois, non só de escaparate, senón de punto de encontro e de reflexión. Belén Santa-Olalla adentrarase nas claves do éxito no mundo transmedia coa súa Master Class sobre claves e trucos para conectar coa audiencia. Joan Carles Martorell, produtor multimedia e realizador audiovisual, abordará a profesionalización e produción de contidos no Youtube, e CREA, a asociación de directores e realizadores de Galiza, organizará un coloquio aberto con todos aqueles creadores e creadoras que queiran asistir.

Así mesmo, no Carballo Interplay daranse a coñecer os traballos da parte máis formativa do festival, tanto dos obradoiros celebrados nos meses previos, dirixidos a profesionais e afeccionad@s, como do Proxecto Neme, organizado con profesorado e alumnado do IES Parga Pondal co fin de involucrar as xeracións máis novas na recuperación do patrimonio audiovisual da zona.

O festival máis "golfo"

Mais no festival haberá lugar, e non pouco, para a diversión. Porque o audiovisual e a rede, con humor, é como mellor entra. O certame abrirase nesta ocasión a un novo formato, o Interfight, "o I Encontro de labazadas audiovisuais" entre dous ghits da creación de contidos audiovisuais, @s creadores de todo un exemplo de éxito no mundo das webseries, "Malviviendo", e o dúo cómico de posthumor, Venga Monjas. Unha loita na que as armas dialécticas serán as creacións audiovisuais duns e doutr@s, as súas experiencias, as súas concepcións da rede, e os seus mellores e peores vídeos.

"A gala de clausura estará presentada por Carlos Meixide, Tomás Lijó e Suso Alonso no seu trasunto como Irmáns Lumieira."

Outra cara coñecida do audiovisual galego, Belén Regueira, será a encargada de conducir outro formato que xa se probou con éxito o pasado ano no Carballo Interplay, o "Código Fonte Audiovisual", a medio camiño entre o monólogo, a proxección de vídeos e a conferencia. Partindo de que as mulleres, e tamén os homes, non nacen como tal senón que aprenden a selo, a xornalista abondará en como as imaxes contribúen a ese proceso nunha sesión titulada con non pouco humor "Mulleres, homes e o audiovisual que os pariu". O formato Código Fonte Audiovisual distribúese con licenza Creative Commons BY-SA e xorde no seo de EMBED, unha comunidade que reflexiona sobre o audiovisual contemporáneo e a cultura audiovisual.

O riso será o protagonista único no coloquio aberto "Como facer rir en internet", cos Venga Monjas, Malviviendo e Burnin' Percebes.

O festival chegará ao seu momento grande o sábado, na gala de clausura onde se darán a coñecer os gañadores e gañadoras nas diferentes categorías. Estará presentada, nesta ocasión, por Carlos Meixide, Tomás Lijó e Suso Alonso no seu trasunto como Irmáns Lumieira. A música tomará esa noite o relevo para fechar os tres días de festival, co pospunk, o rock progresivo e a electrónica de Igmig e o dispendio escénico e festivo de República Disco Apocalipso.

Carballo quere amosar así, máis unha vez, a súa aposta polo coñecemento e pola creatividade, porque a cultura, en verbas do alcalde nacionalista, Evencio Ferrero, é tamén economia, e, como destacou o concelleiro de Promoción Económica, Xosé Regueira, un importante espello de proxección en positivo cara ao exterior.

*Fotos de Tamara de la Fuente, da presentación, esta terza feira 31, da programación completa do Carballo Interplay.

Comentarios