O consumo cultural recupérase en Galiza por primeira vez desde 2008

Galiza é a comunidade autónoma con maior crecemento en consumo cultural do Estado, segundo recolle un informe do Observatorio da Cultura Galega do Consello da Cultura Galega

Máis investimento familiar en publicacións periódicas, Internet e servizos culturais e espectáculos fan que Galiza sexa a comunidade autónoma con maior crecemento en consumo cultural do Estado, con 635 millóns de euros en 2015 e un 15,9% de suba con respecto ao ano anterior, segundo recolle o informe do Observatorio da Cultura Galega do Consello da Cultura Galega, ‘O gasto cultural dos fogares galegos 2016’. 

Cifras 

De acordo cos datos publicados no informe, a poboación galega gastou máis de 635 millóns en cultura en 2015, o que supón un incremento dun 15,9% con respecto ao ano anterior (548,6 millóns no 2014). Deste modo, a poboación galega gastou en cultura uns 78,1 euros máis que o ano anterior. Este dato supón un aumento do consumo cultural por primeira vez desde os inicios da crise en 2008, ano no que en Galiza se gastou 827,2 millóns de euros en consumo cultural.

Non obstante, Galiza sitúase no undécimo posto nas comunidades autónomas en gasto cultural, estando en primeiro lugar Cataluña, con 795,8 euros, seguida de Navarra (786,1 €) e País Vasco (762,2 €), e fechando a listaxe, en último posto, Estremadura con 379,9 euros. No conxunto do Estado, o saldo é lixeiramente negativo (-0,3). 

Malia iso, se atendemos ao consumo medio por fogar, os datos indican que nestes momentos o gasto é de 587,7 euros (sendo en España de 651,4 €), segundo se indica no informe, o que supón que en cada fogar galego se gastou en bens e servizos culturais uns 63,7 euros menos que a media estatal.

O gasto medio por persoa en cultura é de 235 euros no noso país (33,1 € máis que en 2014), fronte aos 320,8 € de Cataluña ou os 320,2 € do País Vasco. 
Atendendo ao gasto total, o informe realizado polo CCG indícanos que Galiza se sitúa en sexto lugar (con 635,8 millóns de euros). Encabeza a listaxe Cataluña, cun saldo de 2.347 millóns de euros, seguida de Madrid (1893,7 €), e Andalucía (1737,8 €).

Partida dos gastos

O gasto cultural de Galiza concentrouse en publicacións periódicas, equipos e accesorios audiovisuais de tratamento da información e Internet, espectáculos e, sobre todo, en outros servizos de bens culturais non contemplados nos anteriores, tal e como se recolle en dito informe.  

Após a análise destes datos, o CCG deduce que a poboación galega fai un gasto superior á media estatal en consumo de publicacións periódicas así como no epígrafe doutros servizos culturais. Non obstante, apréciase un descendo nos gastos destinados aos libros, sendo o único subgrupo que rexistra un descenso paulatino dentro do consumo desde 2010. 

Posibles causas

Segundo se indica no informe realizado polo Observatorio da Cultura Galega do CCG, entre as potenciais causas deste incremento apúntase o descenso dos prezos dalgúns bens e servizos culturais (sobre todo equipos informáticos ou audiovisuais). Neste senso, tal e como se recolle no informe, a evolución dos prezos pode ser un índice que se relacione directamente coa recuperación do consumo, xa que os bens e servizos culturais baixaron de prezo en conxunto desde 2014. Malia este dato, o prezo dos libros e da prensa aumentaron. Así mesmo, tamén pode incidir positivamente o aumento da confianza dos consumidores, que pasou dun 40% hai catro anos ao 70% en 2015, segundo a información analizada polo CCG. 

Os datos obtidos neste informe foron procesados polo Observatorio da Cultura Galega a partir da Enquisa de Presupuestos Familiares, o Índice de Prezos ao Consumo (as dúas do Instituto Nacional de Estatística) e A Enquisa coxuntural a fogares, do Instituto Galego de Estatística.