ARTIGO DE ÁNXELA LEMA

Construírnos a nós mesmas

Publicamos aquí un artigo da filóloga e investigadora Ánxela Lema, no caderno de análise A Fondo do 25 de xuño de 2015, nun especial sobre María Victoria Moreno coordinado por A Sega.

mariavictoria2
photo_camera María Victoria Moreno asinando libros [Imaxe cedida pola súa filla, Begoña Moreno]

A nosa celebración do II Día das Galegas nas Letras chega este ano cheo de forza, enerxía, aire xuvenil mais, sobre todo, chega con esa vontade de romper cun imaxinario que nos afoga desde a nenez. Por que María Victoria Moreno? Ben, e por que non?

Hai quen pensa que desde A Sega só queremos romper coas estatísticas, que só queremos colocar un número máis como se dunha veleidade de nenas pequenas se tratase. Non queremos romper coas estatísticas, queremos devolvelas ao que debería ser o seu estado primario e ao seu xeito natural de funcionar. Queremos, precisamente, romper cunhas estatísticas construídas baixo a ollada masculina que nos venden e achegan como lóxicas e únicas, e que non fan máis que silenciarnos e ocultarnos.

E así foi que entre un grupo de mulleres, poetas, nais, amigas, e moitas outras etiquetas que se nos poderían colocar, decidimos que non, que se non se fai facémolo nós. Acabou o tempo de laiarnos, de agardar en posición cansativa e choromica a que falen de nós e actúen por nós. É o tempo de facer do día das letras, por fin, un día de alegría e celebración, un día que lle dedique un mínimo de tempo a pensar na contribución real, voluntaria e decisiva que se ten feito á nosa literatura, á nosa cultura e ao noso imaxinario, e ese foi, sen dúbida, o papel que desenvolveu María Victoria.

Fixeron moi mal en colocarnos na marxe porque decidimos organizarnos e facer forza. Decidimos contruírnos a nós mesmAs e facer moito ruído

María Victoria decidiu falarlle a aquel conxunto da sociedade que a maior parte das veces se subestima e ao que non lle ofrecemos o tempo e a pausa que se merece porque dubidamos da súa capacidade crítica e de razoamento. Moreno decidiu falarlle ás máis pequenas porque sabía que era necesario transmitirlles que existía un outro mundo onde elas podían ser protagonistas. Un outro mundo que falaba delas nos seus propios termos. Decidiu falarlles sen contos de fadas de por medio, sen un círculo perfecto en que nos metían os príncipes e no que tiñamos que vivir en actitude submisa, e sen ningunha dificultade porque é absurdo debuxar un mundo sen obstáculos e inxustizas. É preciso observar o que temos diante e coñecer as ferramentas coas que facer que iso mude, porque as hai e tan só é preciso saber como empregalas.

Que hai máis importante e bonito que poder abrirlle os ollos a alguén que se encontra nunha fase na que todo é novo, na que todo está por coñecer e investigar? Coa celebración do noso II Día das Galegas nas Letras procuramos, dunha ou doutra maneira, agradecerlle a María Victoria o legado literario que nos deixou e que acompañará as nosas casas e construirá as lentes de moitas nenas coas que resignarse ao que a sociedade lles achega como automático e único. Hai outro camiño, hai unha outra realidade e María Victoria contribuíu de maneira decisiva a construílo.

A figura de María Victoria Moreno serve, tamén, como maneira de reivindicar unha boa parte da nosa literatura como é a infantil e xuvenil. Basta xa de barreiras literarias creadoras da marxe e da desigualdade até nun mundo que consideramos ficcional e que non deixa de ser un espello desta realidade, desta natureza que nos afoga en valores dicotómicos baseados en que algo debe ser mellor e algo peor.

Fixeron moi mal en colocarnos na marxe porque decidimos organizarnos e facer forza. Decidimos contruírnos a nós mesmAs e facer moito ruído. Ruído festivo, ruído cheo de alegría, de festa e celebración por todo o camiño que se fixo na nosa literatura e, sobre todo, por todo o que queda por facer. O II Día das Galegas nas Letras procura facer ver o que foi posíbel, facer ver que temos moitos referentes cos que afrontar un futuro que nos pintan escuro e difícil mais que na nosa man está colorear e escribir ao noso xeito.

Comentarios