Mostra de arte galega no Gaiás

A construción dunha estética nacional

Entre a pintura romántica de Jenaro Pérez Villamil e as tendencias neopop de Santi Jiménez ou Nano4814 -nados a finais da década dos 70- sucede unha historia. A da arte galega dos dous últimos séculos. Así o relata Galicia Universal, exposición das coleccións de Abanca e Afundación instalada na Cidade da Cultura ate o mes de outubro.
 

Moldes Vigo traballa
photo_camera 'Vigo traballa' (1986), de Manuel Moldes.

“Eu vexo na mostra un proceso, o da construción dunha estética nacional”, afirma o crítico Carlos L. Bernárdez (Vigo, 1958), autor do ensaio A fiestra valdeira incluído no catálogo. Desde os anos anteriores ao nacemento de Rosalía de Castro, os fondos pictóricos das antigas caixas de aforros abranxen os principais puntos críticos, inflexións, cesuras da arte galega.

la_tentacion_Colombina_848 Carlos sobrino

Mais Bernárdez prefire ollar o material con outras perspectivas. Explícao a partir do seu texto: “Quero presentar unha visión da arte galega que rompa co esquema cronolóxico ou demasiado centrado nunha única temática, moitas veces centrada no costumismo”, di. Como exemplo, coloca o Movemento Renovador da Arte Galega, que no período anterior á Guerra Civil someteu a pintura a unha profunda remuda. “Empregaron unha linguaxe nova e, porén, sempre se escollen as obras máis costumistas. Pero había outras cousas”.

A organización de Galicia Universal tampouco responde a unha temporalidade liñal. O público e o privado, a representación da cultura popular, a muller, o tratamento da paisaxe, as naturezas mortas -“a vida das formas”-, o compromiso político e social, o retrato, as novas figuracións e a abstracción, a relación entre o global e o local, e as últimas tendencias do XX son os apartados en que se estrutura.

galicia urbano lugrís

Sobre o público e o privado en relación á arte reflexiona Bernárdez. “Os murais, cadros expostos en cafés ou en hoteis, obras relevantes en espazos públicos, permiten pensar na sociabilidade da pintura e ofrecer unha ollada máis alá de criterios evolutivos ou xeracionais”,  considera. O simbolismo da Tentación de Colombina (1914), de Carlos Sobrino, penduraba nas paredes do Café Moderno de Pontevedra. Como O manantial da vida, de Laxeiro, do que se pode ver unha réplica na Cidade da Cultura, ou Os emigrantes, do Castelao que abandonaba xustamente o costumismo e adentrábase “en certa tensión social”.

Nos anos 50 foi Urbano Lugrís quen levou o seu universo onírico, minucioso, ás paredes de bares e hoteis. O seu Galicia (1953), a Vista de Vigo (1953) ou a Romería (1953) fan parte das coleccións de Abanca e Afundación escolmadas na mostra.

Museo nacional e proceso histórico


“Son fondos moi valiosos sobre 200 anos de historia”, expón Carlos L. Bernárdez, “que posibilitan contar globalmente procesos importantes para a construción da arte galega”. Talvez o monllo de cadros máis completo dos que existen en Galiza a respecto dos dous últimos séculos. “É parte do noso proceso histórico que non haxa ese gran museo nacional”, continúa, “e agora é difícil de corrixir”.

paisaxe gris colmeiro

Bernárdez sente especial querenza polos renovadores. Luís Seoane -a quen dedicou un recente libro de ensaios, Un pintor que sabía o que facía (2016)-, Carlos Maside ou Colmeiro -“o seu Paisaxe gris (1957) é unha importante achega á construción dunha paisaxe galega que se libera dos tópicos”-, entre eles. Sinala tamén, dos contemporáneos, o expresionismo case punk de Manolo Moldes -que morreu o pasado ano- no óleo Vigo traballa (1986).

Na peza dramática de Rafael Dieste A fiestra valdeira -o ensaio de Bernárdez comparte título con ela-, un pintor cumpre o encargo de retratar un emigrante, antes mariñeiro. que fixo cartos na emigración. De fondo traza o ambiente mariñeiro da vila. Mais á dona do retratado non lle presta. Prefire un marco máis señorial, que non lle lembre o mundo do traballo.

“É unha reflexión sobre os temas identitarios vinculados ás artes plásticas”, conclúe Bernárdez, “en que aparecen os debates sobre a idea de edificar un campo cultural. Por iso escollín titular A fiestra valdeira, en homenaxe tamén ao gran teórico do Movemento Renovador da Arte Galega”.

Nota: De arriba a abaixo, A tentación de Colombina (1914), de Carlos Sobrino; Galicia (1953), de Urbano Lugrís, e Paisaxe gris (1957), de Manuel Colmeiro.

Comentarios