‘Constitución: la reforma inevitable’, un libro para discutir sobre a política dende a Transición

A obra de Antón Losada e Javier Pérez Royo será presentada esta cuarta feira 12 de decembro ás 19:30 horas no Salón da ONCE (Cantón Grande da Coruña).

Antón Losada e Javier Pérez Royo
photo_camera Antón Losada e Javier Pérez Royo

O politólogo e profesor titular de Ciencia Política da USC, Antón Losada, e un dos especialistas en Dereito Constitucional con máis renome do estado español, Javier Pérez Royo, veñen de publicar o seu libro nas vésperas no cuadraxésimo aniversario da Constitución actual.

Na obra Constitución: la reforma inevitable, ambos autores ofrecen unha crítica á historia oficial da Transición, así coma un espazo para discutir sobre a política actual, a crise económica e a crise de réxime e territorial.

Tanto Antón Losada coma Javier Pérez Royo coinciden ao afirmar que a Constitución do 78 está acabada por impedir a gobernabilidade e a resolución de problemas, aínda que tamén conclúen que os propios mecanismos de reforma da mesma fan case imposíbel mudar nada esencial. Isto abre outra opción menos probábel que a reforma: a entrada nun novo período constituínte. Ademais, aseguran os autores, hai que facer un referéndum: monarquía si ou monarquía non.

“Esta obra, con conclusións radicais e polémicas”, explica Roca Editorial, “non é un libro para especialistas, senón todo o contrario. Permite ao cidadán de a pé percibir até que punto a Constitución afecta a súa vida cotiá”.

Por outra banda, a maior polémica entre ambos xorde na cuestión territorial e nas posibilidades de solucionala, mais converxen na afirmación de que a solución xudicial non é unha solución real.

Comentarios