A conservación do Museo Maside centra o debate sobre o compromiso co patrimonio

Promoven unhas xornadas para analizar o estado desta infraestrutura.
O Museo Carlos Maside, nunha imaxe de arquivo. (Foto: Xunta da Galiza) #patrimonio #museocarlosmaside #laboratoriodeformas #sada #isaacdíazpardo #luísseoane
photo_camera O Museo Carlos Maside, nunha imaxe de arquivo. (Foto: Xunta da Galiza)

A Universidade de Santiago de Compostela (USC), o Concello de Sada e o Consello da Cultura Galega (CCG) están detrás das xornadas "O Museo Carlos Maside, un patrimonio cidadán", promovidas para analizar a situación deste espazo museístico nacido ao abeiro do Laboratorio de Formas da Galiza, iniciativa impulsada polos intelectuais Isaac Díaz Pardo e Luís Seoane, entre outros. 

Após pasar once anos desde que se iniciara o procedemento burocrático para cualificar a instalación como Ben de Interese Cultural (BIC) non transcendeu ningún avance. A principios deste ano a Xunta indicaba que aínda quedaba por analizar o valor arquitectónico e o estado de conservación do inmóbel situado no municipio de Sada.

Pero o espazo garda unha colección composta por unhas 1.800 obras de arte de 200 artistas e segue sen contar con protección especial. Nese contexto xorden as xornadas para analizar a realidade do museo. 

“O seu valor patrimonial, conformado, na súa orixe, polas doazóns dos fundadores, incrementouse cos legados de diversos exiliados, tamén de persoas e entidades interesadas no movemento renovador da arte galega a partir do seu primeiro referente, A. R. Castelao”, destacan as entidades organizadoras. 

Segundo estas –que tamén contan coa colaboración da Deputación da Coruña–, as distintas palestras que decorrerán entre o 27 e o 28 de setembro nas sedes das tres impulsoras, “abordan o baleiro legal, intereses, desintereses e outros aspectos que complican a protección e conservación do importante patrimonio que custodia”.

“O actual estado do patrimonio material e inmaterial reclama da sociedade civil, das administracións públicas, do eido da cultura e da comunidade académica un traballo de coidado e crítica que axude decisivamente a protexelo”, inciden. 

En consecuencia serán diversas expertas as que expoñan as necesidades do Maside ao público. Baixo a dirección de Germán Labrador Méndez (Princeton University), Miguel Anxo Rodríguez (USC), Fran Quiroga (USC), Dolores Vilavedra (USC) e Agar Ledo Arias (Comisión de Xestión e Políticas Culturais do CCG) sucederanse as análises  da profesora da USC María Antonia Pérez; a avogada Patricia Gabeiras; o museólogo Felipe Senén; o secretario xeral de Cultura da Xunta, Anxo Lorenzo; a directora de Coleccións do Reina Sofía, Rosario Peiró; e especialistas como Xosé Díaz Arias; Iria-Friné Rivera; Anxo Rabuñal e Charo Portela, entre outras.

Comentarios