O Consello de persoal do Agadic aproba o desmantelamento do CGAI

CIG avanza que estuda presentar unha demanda contra a RPT pola que se despide un traballador. 

Concentración CGAI
photo_camera [Imaxe Esquerda Unida]

Esta cuarta feira (6 de xullo) o Consello de persoal da Axencia galega de industrias culturais (Agadic) procedeu á aprobación da Relación de Postos de Traballo (RPT) coa que procede ao práctico desmantelamento do Centro de Difusión e Documentación  das Artes da Imaxe (CGAI). A medida supón o despedimento dun dos proxeccionistas --que mantiña unha xornada de tarde-- e amortiza dúas prazas de auxiliar audiovisual. É dicir, parte á metade o cadro de persoal e, para alén do máis, cunha das prazas sen cubrir por mor dunha excedencia. 

O AGADIC despide un proxeccionista e amortiza dúas prazas de auxiliar audiovisual

A decisión adoptada polo AGADIC contou co rexeitamento das catro centrais sindicais con representación e con medio cento de persoas concentradas ás portas do Consello entre as que se atopaban representantes das distintas asociacións do sector audiovisual galego, unidas na defensa do centro, e das forzas políticas da oposición. 

Non por menos agardada --as intencións do AGADIC coñécense desde o mes de maio-- foi menos rexeitada mais o goberno galego, co xerente de AGADIC á fronte, non quixo recuar. "Non tiñan pensado mudar nada" da proposta inicial, sinala en conversa con Sermos Galiza, Cristina Terrón, da CIG. "Entramos e pedíronnos a nosa intención de voto sobre este punto, pedimos que o retiraran" mais "aprobárono". 

Entramos e pedíronnos a nosa intención de voto sobre este punto, pedimos que o retiraran" mais aprobárono

No Consello de persoal, sinala a representante da CIG, "manifestamos que unha RPT non é o mecanismo acaído para un despedimento". Neste senso, avanzou que os servizos xurídicos da central sindical nacionalista estudarán a posibilidade de presentar unha demanda xudicial

Desde o AGADIC aseguran que o CGAI continuará a prestar os servizos que até o momento viña desenvolvendo mais as centrais sindicais poñen en dúbida que cun cadro de persoal tan reducido isto sexa posíbel. "Estaremos atentos por se se produciren novas contratacións irregulares" ao tempo que aseguran o obxectivo da Xunta é desmantelar o centro. 

Comentarios