O Consello da Cultura reivindica a modernidade de Xela Arias

Presentou, na véspera do aniversario do seu nacemento, a programación para as Letras Galegas 2021.
Imaxe de arquivo da poeta Xela Arias. (Foto: Cedida)
photo_camera Imaxe de arquivo da poeta Xela Arias. (Foto: Xulio Gil)

A pluralidade e a diversidade das que Xela Arias fixo gala na súa vida son as marcas de identidade que guían a programación do Consello da Cultura Galega para o Día das Letras, segundo se expuxo onte, na véspera do nacemento da autora.

A presidenta da institución, Rosario Álvarez, xunto coa secretaria, Dolores Vilavedra, e o fillo da homenaxeada, Darío Gil, deron a coñecer o programa.

O poema "Ambiciono o equilibrio dos extremos" serve de guía para unha celebración cuxo inicio se adiantará ao Día da Poesía, o 21 de marzo, no que a obra de Arias entrará en diálogo coas novas xeracións mediante un recital. Aliás, como cada ano, o CCG recuperará unha obra da figura elixida cunha edición non venal.

Nesta ocasión, e cumprindo cun desexo da familia, ofrecerase Non te amola, peza narrativa, que se afasta lixeiramente dos seus xéneros habituais e que a autora deixou perfectamente rematada. O libro estará ilustrado por Bea Gregores.

O Concerto das Letras Galegas porá o ramo ás actividades. Como é habitual, terá lugar o 16 de maio, como antesala dos actos convocados pola Real Academia Galega. "Será en Vigo, cidade moi próxima á biografía de Xela Arias, e ofrecerá unha proposta creativa visual que pensamos que lle gustaría á propia Xela", apuntou Vilavedra.

A presenza escénica do scrartching nebuloso de PicoAmperio e a voz de Laura LaMontagne fundirase así coa poesía de Xela nunha proposta audiovisual.

Desde hoxe pódese consultar no sitio web do CCG un especial que concentrará a información sobre a autora. Entre os materiais destaca o documental Xela e a palabra (2014), proxectado no marco da xornada "Xela Arias e Luísa Villalta: letras, interartes, proxectos na fin de século".

Comentarios