O Consello da Cultura ponlle cifras aos baixos consumos culturais galegos

O Observatorio da Cultura Galega, dependente do Consello da Cultura Galega, vén de facer público o documento Ocio e hábitos culturais (I), que pon de manifesto a escasa participación e consumo de cultura na cidadanía galega. Só gañamos en consumo televisivo.

Este documento que vén de facer público o Observatorio é primeira parte dun Documento de Traballo centrado nos indicadores de participación cultural en Galicia. Un documento que analiza o que lemos, escoitamos, vemos e facemos do ámbito cultural noso tempo libre. Como norma xeral, a asistencia a museos, galerías, bibliotecas, concertos, cine e teatro está por debaixo da media española. Como dato positivo, a cidadanía galega é das que máis libros le e dedica máis tempo a facelo. Alén da lectura, entre as nosas preferencias tamén está ler prensa e escoitar música.

No último ano visitaron un museo, exposición ou galería un 35% da cidadanía galega fronte a un 39% estatal. Esta cifra sitúanos no décimo lugar do conxunto do Estado. Unha diferenza que é aínda maior se miramos a variable dos que nunca ou case nunca van aos museos. O 44% dos galegos e galegas recoñece que non vai a este tipo de espazos fronte ao 28 por cento da media española. Os motivos son, nesta orde, a falta de tempo e de interese, así como a escaseza de oferta. Só ao 6,8% da cidadanía galega lle parece cara a entrada destes recintos fronte ao 13,3 do conxunto do Estado, segundo os resultados analizados polo Observatorio da Cultura.

A asistencia a bibliotecas tamén está por debaixo da media estatal, un 18,6% fronte a un 22,7%, mentres que a media de visita dun arquivo está dous puntos superior á estatal (un 8,2% fronte a un 5,6% ). A falta de interese e de tempo está nas principais xustificacións deste comportamento.

Índices de lectura
A primeira entrega deste Documento de traballo do Observatorio da Cultura Galega dedica un apartado específico á lectura. O interese pola lectura no noso país está nun 5,9%, catro décimas por debaixo da media estatal. Aínda que estamos lonxe da media estatal en lectura, un 37% declarou que leu un libro no último mes. Con todo, o informe evidencia que lemos máis libros (en Galicia a media de lectura de libros por trimestre é dun 4,9 fronte a un 4,5 estatal) e que tamén destinamos máis tempo a facelo. Un total de 126 minutos diarios, 15 máis que a media estatal e só superados por Murcia por dous minutos. Como dato negativo, na compra de libros estamos por debaixo da media. 

Outro indicador de lectura no que superamos a media española é no que afecta á lectura de prensa e xornais. O 86% dos galegos le o xornal polo menos unha vez ao mes fronte ao 78% dos españois. Agora ben, con respecto ao soporte, hai variacións. Lemos moita prensa en papel e ocupamos o último posto de lectura de xornais na rede.
 
Música
A valoración da cidadanía galega da música en xeral é dun 7, cifra que se sitúa unhas décimas por debaixo da media española (7,3). Este interese nótase no feito de que o 76,7% da poboación galega recoñece escoitar música polo menos unha vez ao mes. Faino a través da radio, do ordenador e, por último, do móbil. Segundo o lugar físico, os dous espazos que prefiren seguen sendo a casa e o coche e destinan un tempo moi superior á media española. Por último, os indicadores que manexa o Observatorio tamén plasman que descendeu considerablemente, tanto en Galiza como no conxunto do Estado, a compra de música, que pasou do 31% ao 15% e do 25% ao 12,9%, respectivamente.

Teatro 
Galiza está na penúltima posición en asistencia a algunha función de teatro, danza, ópera, zarzuela ou circo. Só o 20,6% dos galegos e galegas declara ter asistido a algún espectáculo no último ano fronte ao 29,9% da media estatal. Agora ben, o teatro acapara as preferencias da cidadanía galega. O 14,8 por cento dos e das galegas asistiu ao teatro neste período, aínda que esta cifra nos sitúa moi lonxe da media de Madrid (41,5%) e da media estatal (23,2%). Ao poñer eses datos nun marco temporal, o Observatorio da Cultura Galega evidencia que existe unha recuperación na asistencia ao teatro con respecto aos últimos anos, cunha tendencia paralela á do conxunto do Estado, que segue moi por riba das cifras galegas.
Polo demais, a asistencia a espectáculos de ballet segue a ser baixa, só o 5% da cidadanía galega acode a este tipo de espectáculo. Agora ben, a frecuencia con que esas persoas afirman ir ao ballet é maior que a media estatal (a media galega é de 3,1 veces, mentres que a media estatal está en 2,7). Completa este panorama as cifras de asistencia a zarzuela (09% fronte ao 1,8% estatal), ópera (1,5% fronte ao 2,6% estatal) e circo (6,5 fronte ao 7,7 estatal), que rexistran indicadores de participación baixos.

Cine e vídeo
As cifras de asistencia a proxeccións de cinema tampouco son moi positivas. Segundo este documento, Galicia é a última comunidade no número de galegos e galegas que foron ao cine no último trimestre. A media española de asistencia ao cine algunha vez ao ano é quince puntos porcentuais superior á media galega. A falta de interese é o principal motivo que xustifica este comportamento e os que van valoran mellor o cine americano que o español, e este mellor que o europeo. Unha opinión que non difire da do resto da cidadanía española. Con respecto a ver vídeos noutros soportes diferentes do celuloide, as cifras seguen a ser baixas: só o 18% os ve en streaming (a media estatal é do 25%) e só o 69% o fai a través de soportes físicos (CD, DVD…), no que tamén estamos á cola.
O que non mudou foi o hábito de ver a televisión. As e os galegos son os que máis tempo dedican, de media, con 193 minutos diarios, case unha hora máis que Baleares.

Por último, o informe tamén destina un apartado a coñecer o comportamento da cidadanía con respecto ao uso das novas tecnoloxías para actividades de ámbito cultural. Mentres que o uso de videoxogos se sitúa na tendencia xeral e está por debaixo da media estatal, as actividades artísticas (como a fotografía, escribir ou tocar algún instrumento) son moi superiores. 
 

Comentarios