O Consello da Cultura Galega reforzará os contidos da súa web

A institución anunciou que incrementará os contidos da súa páxina web con material audivisual e de texto após a cancelación das actividades presenciais.  

O Consello da Cultura Galega suspendeu a actividade presencial da institución, cancelando os eventos previstos no mes de marzo, como xornadas, presentacións, reunións de traballo e roldas de prensa. Por este motivo a institución decidiu reforzar a difusión dixital para ofertar ao público contidos culturais.

Nas vindeiras semanas desde a súa web potenciarán a visibilidade do traballo do seu extenso fondo de dixitalización e posta en valor de materiais relevantes para a cultura galega en diferentes ámbitos; a publicación de informes e outros documentos informativos; ou a adaptación para a rede dalgunhas das iniciativas que deixaron de realizarse en formato presencial.

En relación ás xornadas presenciais, esta semana difundirase material complementario de dous eventos celebrados nas últimas semanas. Unha delas é 'O estado da danza a debate', que facilitou unha vía de diálogo entre os profesionais das artes do movemento e a administración tras as discrepancias derivadas da reforma do estatuto da Agadic.

A partir desta terza feira 17 de marzo poderase ver material audiovisual con entrevistas a profesionais do sector, como Quique Peón ou Manuel Vieites. Ademais, poderase ver un documento de conclusións asinado polas dúas coordinadoras das xornadas, Natalia Balseiro e Dores Vilavedra.

Tamén se difundirá o documento de conclusións que sintetiza os debates da xornada 'Cultura do mecenado', que permitiu reunir en Compostela a figuras como David Chipperfield, os representantes da Fundación Carasso, fundada polo creador de Danone, ou o presidente da Fundacion Barrié.

Tanto desde a canle de Youtube como desde a web corporativa facilítase o acceso a preto de 1.500 vídeos agrupados en máis de 200 listaxes de reprodución, pezas que recollen o testemuño de figuras representativas da cultura actual e que se poden escoitar libremente, lembraron.

Tamén continuará operativo o portal de divulgación cultural Culturagalega.gal, que desde o ano 2000 ofrece continuadamente información sobre a actualidade cultural.

Paralelamente, desde o Observatorio da Cultura Galega está a traballarse na elaboración dun informe preliminar que fará unha primeira prospección dos efectos económicos do coronavirus para o ámbito cultural.

Con respecto das publicacións, o Consello da Cultura Galega conta agora mesmo cun repositorio dixital que pon a disposición do público máis de catrocentos títulos de libre descarga de temáticas que van desde a ciencia até a igualdade, pasando pola antropoloxía, emigración, lingua, literatura ou filosofía.

Comentarios