domingo 27/09/20

Consello da Cultura Galega, Institut Ramon Llull, Etxepare e Cervantes asinan o seu primeiro convenio conxunto

O protocolo foi asinado en galego, castelán, catalán e éuscaro e establece un marco de cooperación para participar en accións comúns. 
(Etxepare)
(Etxepare)

A presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez; o director do Instituto Cervantes, Luis García Montero; a directora do Institut Ramón Llull, Iolanda Batallé, e a directora do Etxepare Euskal Institutua, Irene Larraza, asinaron esta mañá un acordo de colaboración conxunto entre estas entidades para promover a lingua e a cultura galega, española, catalá e vasca. É o primeiro que asinan as catro entidades xuntas.

“Somos institucións diversas pero é moito máis o que nos une que o que nos separa” asegurou Rosario Álvarez no acto de sinatura que se realizou de maneira dixital e se emitiu a través da canle de Youtube do Instituto Cervantes.

Este acordo entre as catro institucións quere tender pontes para o coñecemento mutuo da realidade creativa das culturas catalá, vasca, galega e española, e das linguas respectivas. “Cremos que este é un gran paso adiante importante para mostrar, dentro e fóra das fronteiras do Estado español, a diversidade do pulo creativo deste mosaico de culturas e linguas. ” asegurou Rosario Álvarez no transcurso da súa intervención.

O acordo de colaboración subscrito ten unha vixencia de catro anos, que poden ser prorrogábeis. O protocolo foi asinado en galego, castelán, catalán e éuscaro e establece un marco de cooperación para participar en accións comúns que promovan, “dentro dos seus ámbitos de actuación e as súas posibilidades, as diferentes culturas e linguas propias do Estado español” asegurou Luis García Montero.

Pola súa parte, Iolanda Batallé destacou “que este convenio forma parte dunha estratexia de falar con todas a con todos”, e Irene Larraza, directora do Etxepare Euskal Institutua, “traballamos na internacionalización das nosas linguas e culturas porque sabemos que poden e deben ser coñecidas e recoñecidas no exterior. Hai que facer un traballo importante de alcance e transmisión”.


 

comentarios