O Consello da Cultura Galega insta a apostar pola cultura no ámbito rural

O CCG publica un novo informe sobre o efecto dos proxectos na "cohesión territorial e das comunidades locais".
Unha actuación na Arca da Noe (Vilar de Santos) no mes de xuño. (Foto: A Arca da Noe)
photo_camera Unha actuación na Arca da Noe (Vilar de Santos) no mes de xuño. (Foto: A Arca da Noe)

"A cultura contribúe á cohesión territorial e das comunidades locais". É unha das conclusións do último informe do Consello da Cultura Galega (CCG), Cultura e Sustentabilidade, que, após analizar 10 iniciativas culturais exitosas, insta as Administracións públicas a investir na cultura para paliar as "desigualdades entre as áreas rurais e urbanas" da Galiza. 

O CCG, que hoxe presentou os resultados do seu novo informe en Monterroso, explicou que no medio dun camiño que abunda na despoboación do rural, as actividades culturais poden contribuír ao cambio e a facer un país "máis sustentábel". 

O documento, cuxa execución foi liderada polo investigador Fran Quiroga, chegou a esas conclusións, entre outras, despois de coñecer de perto até dez proxectos asentados en áreas menos poboadas con respecto ás cidades galegas. 

As ideas empresariais, de creación ou asociativas implicaron "procesos de transformación social, que vertebran territorio e tecen comunidades". Por exemplo, entre a mostra analizada estiveron iniciativas como A Arca da Noe (Vilar de Santos); as Brigadas Deseucaliptizadoras; o Festival Agrocuir da Ulloa; a rede Aldear; ou os festivais de Cans (O Porriño) e Pardiñas (Guitiriz).

Tras detectar os efectos positivos deste tipo de programas e empresas en ámbitos cun padrón reducido, os autores do estudo salientaron que a cultura pode identificarse neses contextos como "un mecanismo de reversión de inequidades e tamén de denuncia das inxustizas". 

En consecuencia, o equipo que coordinou Quiroga fai unha recomendación para que as políticas públicas vaian nesa liña. É dicir, o Consello da Cultura Galega considera probado o éxito destas apostas no rural, polo que demanda que "os esforzos orzamentarios ou de programación non fiquen só nas grandes cidades ou macroeventos e que haxa un maior reequilibrio nas áreas rurais". 

"Debe facerse un esforzo no fomento das culturas minorizadas, da promoción das linguas propias e da ecoloxía de saberes", engade o informe. Mesmo repara en que sería axeitado conectar a cultura coa natureza de cara a partir dun xerme máis ecolóxico.

Comentarios