xoves 05/08/21

O Consello da Cultura afonda na importancia do legado galego alén mar

Oitava entrega de 'Historias de ida e volta'
Unha parte da capa de 'Follas Novas'. (Foto: CCG)
Unha parte da capa de 'Follas Novas'. (Foto: CCG)

O proxecto web realizado polo Consello da Cultura Galega (CCG) en colaboración coa Secretaría Xeral da Emigración, "Historias de ida e volta", centra a súa oitava entrega, "A cultura galega alén mar", na importancia das iniciativas culturais que se desenvolveron a raíz do fenómeno migratorio tanto nos países de destino como na Galiza. 

A través de vinte imaxes e documentos, o especial presenta algunhas das iniciativas culturais que se fixeron desde América por e para a Galiza. "A difusión e defensa da cultura galega pasaron a ser un obxectivo prioritario para moitas das entidades emigrantes", sinalan no proxecto. 

Algúns dos exemplos que se pode observar nesta entrega é a cuberta do libro Follas Novas, de Rosalía de Castro, que foi editado por primeira vez na Habana (Cuba) en 1880. Tamén se poden ver fotografías de Ramón Otero Pedrayo en Bos Aires (Arxentina), no ano 1959,  xunto a Xosé Neira Vilas e outros membros da libraría arxentina Follas Novas; Luís Seoane diante dunha das súas obras ou María Casares durante a súa visita a Bos Aires en 1957, entre outras curiosidades. 

Financiamento das iniciativas culturais

Nesta entrega, o Consello da Cultura Galega destaca que a "emigración motivou que se creasen sociedades culturais, se publicasen libros, xornais ou revistas, mais tamén foi orixe da remesa de cartos para conmemorar e homenaxear a grandes figuras da nosa literatura, música e mesmo para axudas puntuais en caso de necesidade ou para fomentar a creación e mantemento de institucións culturais na Galiza, como a Real Academia Galega ou a Universidade galega.

Tamén desde América impulsáronse e apoiáronse as iniciativas de carácter galeguista como as Irmandades da Fala ou o Seminario de Estudos Galegos. 

Tamén resalta o CCG nesta entrega que a emigración foi onde se deron a coñecer ou se publicaron as obras literarias nacidas no Rexurdimento. Ademais, moitas asociacións de emigrantes tomaron o nome das figuras desta época para lles render homenaxe. Persoeiros destacados como Curros, Ramón Cabanillas, Antón Vilar Ponte, Eduardo Blanco Amor ou Ramón Suárez Picallo, entre outros, viviron en primeira persoa o proceso migratorio e de exilio, polo que moitos deles crearon e publicaron a súa obra nos países de destino. 

As imaxes e documentos forman parte do patrimonio que se conserva no Arquivo da Emigración Galega.

comentarios