A Consellaría de Cultura presenta oficialmente unha novela en español dunha autora de Badaxoz

O secretario xeral da Consellaría de Cultura, Anxo Lorenzo, presentou na tarde do día 24 a novela “Amor en un campo de minas”, escrita en español pola estremeña Milagros Frías. A Xunta informou do acto de maneira oficial con nota de prensa e entrada na web

Anxo Lourenzo
photo_camera Anxo Lourenzo

A Consellaría de Cultura e Educación participou por medio do seu secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, na presentación da novela “Amor en un campo de minas”, novela escrita en español por Milagros Frías, unha autora de Jerez de los Caballeros, en Badaxoz.  

O departamento de Cultura da Xunta informou tamén de maneira oficial do acto a través dunha nota de prensa e dunha entrada na páxina do goberno galego. No comunicado sinalan que a Consellería de Cultura “acompaña a escritora Milagros Fías na presentación da súa última novela” na tarde do 24 de outubro. 

Segundo a nota, o secretario Xeral de Cultura, anterior responsábel de Normalización Lingüística do goberno, “puxo en valor o universo narrativo da escritora e tamén destacou a importancia do xornalismo cultural como elemento indispensábel da actividade cultural que se desenvolve en Galicia” ao tempo que destacou o seu interese para a “difusión de obras, autores e iniciativas”. A autora está casada co escritor e responsábel do Ámbito Cultural de El Corte Inglés, Ramón Pernas, natural de Viveiro, onde a escritora participou en diversas ocasións na Feira do Libro. Milagros Frías gañara o Premio Torrente Ballester coa novela "El verano de la nutria" no ano 2010. A nova novela de Frías está publicada pola editorial Algaida, con sede en Sevilla. 

Comentarios