martes 02/03/21

A consagración de Quim Monzó, en galego

Kalandraka presenta O porqué de todas as cousas (1993), tradución dunha obra que consolidou o xornalista Quim Monzó como un dos escritores máis relevantes da súa xeración, cun dos exercicios máis virtuosos da literatura catalá contemporánea. A crítica galega chegou a consideralo como o equivalente catalán de Suso de Toro. 
Quim Monzó. (Foto: Breme)
Quim Monzó. (Foto: Breme)

Kalandraka verte para o galego un dos libros máis emblemáticos do xornalista Quim Monzó, O porqué de todas as cousas, nunha tradución que asina o tamén escritor Gonzalo Hermo.

Esta novela, que viu a luz en 1993, constitúe un dos exercicios máis virtuosos da literatura catalá contemporánea, que foi mesmo adaptado nunha versión cinematográfica por Ventura Pons en 1995.

Conformada por unha trintena de relatos breves cheos de sátira e de crítica social, a prosa incorre nun reflexo tan absurdo como sorprendente dos devezos e incertezas do mundo actual. As personaxes protagonistas son mulleres e homes que procuran o pracer e a fantasía, mais que se verán atrapados na dúbida e na confusión.

Subvertendo estereotipos sociais, Monzó consegue co seu sempre hilarante estilo erguer a parodia con recursos sintéticos que alcanzan a máxima pureza: simple en aparencia, son unha exhibición enérxica de mestría.

Así o recoñeceron os Premi Ciutat de Barcelona de Literatura e o Premi Crítica Serra d'Or de Literatura i Assaig, consagrando o autor como un dos máis relevantes da súa xeración.

Viraxe comercial

Esta non é, porén, a primeira ocasión de ler a Monzó en galego, senón que o título se suma a outros tres anteriores: A magnitude da traxedia (Positivas, 1989; reeditada en 1991); Vinte e nove contos (Sotelo Blanco, 2008); e Mil cretinos, que saía do prelo en 2008, xunto a Se comes un limón sen facer xestos, de Sergi Pàmies, reforzando a aposta de Xerais na literatura en catalán contemporánea.

De feito, estes libros encádranse no que a investigadora Dolores Vilavedra, na súa achega ao volume Literaturas estranxeiras e desenvolvemento cultural (Peter Lang, 2015), considera unha viraxe na tradución seguindo criterios non só testemuñais senón comerciais, procurando un público actual.

comentarios