O Congreso Internacional sobre o Reino da Galiza poderá verse en calquera parte do mundo

A Área de Cultura da Deputación da Coruña ultima os preparativos para o Regnum totius Gallaeciae. O Reino medieval de Galicia, o primeiro congreso sobre esta temática e que será internacional ao ofrecer a oporturnidade de participar por vía telemática.
O titular de Cultura da Deputación da Coruña, Xurxo Couto (Foto: Deputación da Coruña).
photo_camera O titular de Cultura da Deputación da Coruña, Xurxo Couto (Foto: Deputación da Coruña).

A Área de Cultura da Deputación da Coruña, ultima os preparativos para o Regnum totius Gallaeciae. O Reino medieval de Galicia, o primeiro congreso sobre esta temática e que será internacional ao ofrecer a oporturnidade de participar por vía telemática.

Deste modo amplíanse as posibilidades de asistencia, dado o interese que suscitou o evento, que esgotou todas as prazas en cada unha das sesións logo de se abriren as inscricións.

O congreso decorrerá do 19 ao 22 de setembro e terá lugar en diferentes espazos de Santiago de Compostela. Os relatorios serán no Museo do Pobo Galego e o programa musical na contigua Igrexa de San Domigos de Bonaval.

Está prevista a participación de 18 relatoras e relatores de diferentes perfís que abordarán cuestións relacionadas coa historia, a arte, a literatura, ou a organización administrativa do Reino medieval da Galiza e que proceden de diferentes institucións, entre as que destacan as universidades de Nova York, Barcelona, Santiago de Compostela, Salamanca ou Oviedo.

"Idea absolutamente necesaria"

Neste sentido, o deputado de Cultura, Xurxo Couto lembra que "o congreso nace como unha iniciativa absolutamente necesaria de cara a normalizar o dereito a coñecer a nosa propia historia". Asegura ademais que "vai permitir socializar un enfoque propio e rigoroso do poder político galego nesa altura histórica, até o de agora contaminado pola historiografía españolista que é a que aínda se continúa a estudar no sistema educativo actual".

O congreso vai permitir socializar un enfoque propio e rigoroso do poder político galego nesa altura histórica

Así, o intenso programa está deseñado para debullar este longo período histórico en chave galega, do que aínda pouco se sabe, xa que "no que á Idade Media se refire, tres obstáculos dificultaron o seu estudo na Galiza", manifestou Anselmo López Carreira, curador científico do congreso.

López Carreira proseguía: "En primeiro lugar os prexuízos que gravitan sobre a percepción do período, pois os movementos liberais do século XIX dirixíanse contra un modelo de sociedade antagónico, o feudal, cunha carga notoriamente pexorativa do termo. En segundo lugar, en España pesaba o modelo historiográfico dominante que só daba cabida a unha historia nacional e suxeitaba as periféricas ao esquema centralista. E en terceiro lugar, operou negativamente a discontínua evolución da investigación histórica na propia Galiza".

Retrasmisión ao vivo

A retransmisión ao vivo será feita desde a páxina www.reinomedievaldegalicia.gal, que nos días do Congreso centrará nunha pantalla única as diferentes relatorías, as proxeccións e a interpretación para as persoas xordas.

Ademais, tamén se poderá participar de forma activa nos debates programados ao fin de cada sesión, achegando á sala compostelá calquera comentario ou dúbida sobre as palestras que estean a decorrer.

Comentarios