CRóNICA DENDE BOS AIRES

O congreso da nosa emigración máis cualificada

Investigadoras e investigadores, profesoras e profesores, das máis diversas universidades do mundo pero cun nexo en común, ter a Galiza como centro dos seus estudos, estanse a reunir estes días en Bos Aires, no que xa é o trixésimo congreso da AIEG, a Asociación Internacional de Estudos Galegos.

Congreso da AIEG
photo_camera Congreso da AIEG

É a nosa emigración máis cualificada, aquela que expulsamos por falta de oportunidades, a que ten que marchar para poder desenvolver todas as súas potencialidades, esa embaixada excepcional do noso país que tanto desaproveitamos. 

“A Galiza exterior existe e a proba é os que estamos aquí e mesmo moitos dos que non estamos aquí”, subliñou o editor de Galaxia, Vítor Freixanes, no acto de apertura do Congreso. Son docentes, académic@s e investigadores/as que levan a Galiza na mente e no corazón. Mágoa, aludíase nesa sesión inaugural, que os nosos gobernantes non se dean conta de todo seu potencial. Mágoa tamén e a TVG non gravara este acto de apertura, senón a inauguración, por parte da presidenta do Parlamento galego, a popular Pilar Rojo, da exposición “53 páxinas das nosas letras”. Falou, no seu discurso, da universalidade da cultura galega e da nosa “vocación internacional”. U-la política exterior galega, porén, no último lustro?, preguntábanse voces críticas nas redes sociais.

As embaixadas culturais dos lectorados

Moitas das persoas congregadas en Bos Aires estes días, sen ir máis lonxe, son lectoras e lectores de galego que desenvolven un traballo inxente en moi diversas universidades do mundo, que non se limita á docencia nas aulas, ao ensino da nosa lingua, da nosa literatura e do noso país entre pupitres e catro paredes, senón que vai moito máis aló. Fan de auténticos dinamizadores e dinamizadoras culturais, alén as posibilidades económicas das que dispoñen,  e mesmo sacan de Galiza ás e aos nosos creadores, dende @s máis consolidad@s até os máis emerxentes, para que se coñezan fóra. Porén, nos últimos anos os recortes afectáronlle de cheo. Xa non son cinco, senón tres, por exemplo, os anos de lectorado. Adquiren, durante ese tempo unha formación e unha experiencia moi completa que logo non é aproveitada.

Homenaxe a Kathlenn March

Esta semana, déronse cita na capital arxentina, galicianistas de universidades alemanas, estadounidenses, brasileiras, británicas, francesas, españolas, polacas e, como non, galegas e arxentinas. Non tod@s, hai que dicilo, son galeg@s, porque o interese pola nosa cultura vai moi alén de nós. A propia fundadora da Asociación Internacional de Estudos Galegos, Kathleeen N.March, que será homenaxeada nesta última sesión do Congreso, é estadounidense e o seu vínculo con Galiza vén a través do seu interese pola nosa literatura. En Estados Unidos foi, precisamente, hai xa trinta anos, a primeira edición deste congreso, que terá en Madrid a súa próxima sede, tal e como se acaba de decidir no asemblea xeral da asociación celebrada tamén estes días.

Intensa. Esa sería a verba para mellor definir estes días na quinta provincia galega. E non só pola gran cantidade de coñecementos que, sobre da mesa se puxeron, nas diferentes conferencias, comunicacións e paneis que conformaron o programa, senón tamén pola enerxía que, cando se reúnen, son quen de xerar, os nosos desta ampla rede que non somos quen de aproveitar. A Galiza exterior, agora, coma antes, segue a devolvernos a nosa mellor imaxe.

Comentarios