Cultura

Confesións pop da adultez inalcanzábel

A semana pasada viron a luz Belo Horizonte e É o que hai, dous EP cos que Esposa reflicte, sen abandonar a sonoridade pop que as caracteriza, as inquedanzas que atravesan as catro compoñentes actuais da banda no paso indeciso, vacilante, á idade adulta. Intimista e lírico, un díptico que retrata unha xeración. 
aff68729-42db-45f9-8451-14cefc916a0a
photo_camera Esposa son Cibrán Tenreiro, María Villamarín, Mar Catarina e Xacobe González [Foto: Cristina Calvete].

Esposa pasou nos dous últimos anos por un período de pausa, cando menos aparente de portas cara a fóra. Despois de publicaren o seu primeiro traballo, Xardín Interior, a separación xeográfica das integrantes da banda, que antes residían en Compostela, obrigou a que se xuntasen de maneira máis intermitente.

Ven a luz así algúns temas en compilacións, propostas concretas que supoñen a escusa perfecta para crear. Porén, as distancias medraron e cando dúas das compoñentes, Xacobe González e Mar Catarina, se trasladaron a Madrid, volveuse aínda máis complexo. Menos tempo para compor e para verse, cousa de facerse maior.

Con todo, manteñen a actividade cando poden, gardando as ideas a medio facer para cando se xuntan varios días seguidos. E así o demostran cos dous EP que lanzaron a pasada semana. As cancións levaban tempo gravadas, entre os 600 quilómetros que separan as dúas metades da banda.

"Escollemos temas fáciles de aprender, dun acorde ou dous, que se afán ao noso estilo", explica Tenreiro

"Parecíanos lóxico xuntalas porque pertencen ao mesmo momento", explica Cibrán Tenreiro, que completa o escuadrón galego xunto a María Villamarín. Mais por que non nun único LP? As dúas partes funcionan como díptico: É o que hai recolle catro versións, mentres Belo Horizonte presenta catro faixas orixinais, se ben tres xa saíran en compilacións.

Coas versións ao seu terreo

No caso de Esposa, falarmos de versións non implica ausencia de creatividade. "Escollemos temas fáciles de aprender, dun acorde ou dous, que se afán ao noso estilo", explica Tenreiro. The Feelies, Yo La Tengo, Billy Bragg e The Modern Lovers son os referentes escollidos, no ronsel do pop intrépido que caracteriza o son de Esposa.

Mais o gran cambio chega coas letras. Fóra dalgunha frase que remite ao orixinal, normalmente ao comezo do tema, deixan voar o enxeño para levar o significado ao seu terreo. Así, a adaptación funciona máis ben como un medio para crear rápido, nunha urxencia por partillar, nos escasos momentos de xuntanza, as inquedanzas vitais que as inundan.

"A emigración é algo que nos afecta non só como banda, senón que sentimos próximo na nosa panda de colegas ou na familia", afirma Tenreiro

"Ás veces procuramos manter máis a métrica ou a fonética", explica Tenreiro. Desa maneira, o "asshole" en "Pablo Picasso" (The Moderns Lovers) convértese en "asco", na procura dun son semellante que abre un sendeiro para "falar doutras cousas", esas preocupacións que moven un grupo de amigas separado pola emigración, moi presente nesta achega dupla. "É algo que nos afecta non só como banda, senón que sentimos próximo na nosa panda de colegas ou na familia", afirma.

A postadolescencia perpetua

A emigración é un deses lugares comúns que definen a abordaxe desde un "espírito postadolescente", porque "as condicións sociais non nos deixan medrar de todo", explica a banda. Fronte a aquela desvirtuada etiqueta dos adolestrinta, que celebraba a vontade da mocidade actual por se manter na eterna pubertade, o que eles observan vai á inversa no desexo. "Temos arredor de 30 anos, pero non nos acabamos de sentir adultas", confesa Tenreiro. Son máis ben golpeados pola vida madura: "costa abaixo fun facéndome maior", cantan, mais para chegar a ser "mellor, fallando".

"Temos arredor de 30 anos, pero non nos acabamos de sentir adultas", confesa Tenreiro

Ante as dinámicas de inestabilidade laboral e adiamento ou desaparición de marcas de etapa vital como casar ou ter fillas, como se define hoxe iso de 'facerse maior'? "Tampouco temos unha idea clara do que significa ser adulta, nin sabemos se a xente adulta a ten", reflexiona o músico.

O de Esposa é un intimismo que esgaza pola súa sinceridade, que non dubida en meter o dedo no conflito interno: "Fixeime un obxectivo e non sei cal é / fágome preguntas e non me fago ben". As dúbidas e a dor aparecen como parte dese proceso de madurez que se confronta sen vitimismo, con actitude positiva desde o centro do incendio "que non encendín eu" ou dese día gris "que dura un mes".

O de Esposa é un intimismo que esgaza pola súa sinceridade, que non dubida en meter o dedo no conflito interno

Da nostalxia frenética, aceptando o fracaso nun "todo por facer" -"é o que hai"- ao inconformismo polo desexo de sentirse "fóra do mercado" ou de reivindicar o valor do erro, pasando pola conciencia do cambio constante como estado, fan, probabelmente sen pretendelo, un exercicio xeracional.

Un reencontro especial

Os dous discos están producidos por Bobby G., agás un dos temas, e xa se atopan en edicións dixitais, dispoñíbeis desde o 23 de abril en Bandcamp e nas principais plataformas de streaming.

A idea é presentar estes EP en directo cando o permitan as axendas da banda e as condicións sanitarias. Mais o que adiantan é que lles gustaría, "xa que non podemos xuntarnos con frecuencia, aproveitar no nadal ou no verán para facer algo especial". Prometen partillar o cariño do reencontro dos ensaios para reunirse co público e outros grupos, preparando con calma un espectáculo íntimo. E, se cadra, até unha edición caseira do díptico

Mentres agardamos, toca perderse nos ritmos, por veces acelerados, outras máis acougados, deste manifesto en dúas caras. E preguntarse, con elas: "Para que serve esta canción / se non vai salvar o mundo / e non vai salvarme a min?". Talvez para comprender, no efémero, a lucidez daqueles intres insospeitados nos que deixamos atrás un anaco e medramos, sen sequera sermos conscientes.

Comentarios