Conexión Yolanda Castaño-Nacho Vegas

Yolanda Castaño cantando un tema de Vainica Doble con Nacho Vegas petou as redes sociais do músico asturiano. Máis de 65.000 visualizacións no Facebook para unha colaboración espontánea na que a poeta coruñesa volvía a xogar no mundo da música. 

yolandaC-nacho1
photo_camera Yolanda Castaño e Nacho Vegas

E parece que queren repetir a experiencia, que naceu a semana pasada en Córdoba ao abeiro dunha iniciativa cultural da Deputación desta provincia andaluza chamada 'Tenemos la palabra'. Tratábase dun proxecto que facía dialogar a poesía e a música durante unha semana en varios pobos cordobeses. Nela participaron destacados poetas do Estado como Luis García Montero, Elena Medel ou Carlos Pardo, ademais de músicos como Cristina Rosenvinge, Sr. Chinarro ou Josele Santiago (Los Enemigos), ademais do propio Nacho Vegas. Yolanda Castaño era a única deles que non usa o español como medio de expresión artística. 

E neses diálogos -compartidos co público- entre o músico asturiano e a poeta da Coruña saltou a chispa . “A verdade é que a conexión foi inmediata e moi fluída, tanto en referencias, como en inquedanzas, en soños, en preocupacións, e iso fixo máis rodado e máis produtivo o noso encontro”, explica Castaño. “O certo é que fomos o único destes dúos que se animou a facer unha colaboración en si mesma. Partiamos de culturas nacionais e identidades tan concretas coma as nosas, coas que tiñamos un compromiso forte. Preguntouse moito polas nosas identidades nacionais e polos nosos compromisos coas nosas linguas respectivas, e logo eu tiña espazo para un pequeno recital e el para un pequeno concerto, pero a maiores nós demos en enriquecer iso con algunhas colaboracionciñas xuntas e nalgunha das súas cancións eu fixen coros, cantei, acompañeino e recitei poemas no medio dos seus propios temas”.  

O tema de Vainica Doble, lexendario dúo pop que triunfou nos 70, que Vegas e Castaño interpretaron xuntos triunfou nas redes sociais. “Foi unha ocorrencia, porque nos gustaba aos dous este grupo”, conta a poeta galega, que recoñece que é moi posible que haxa máis colaboracións co asturiano no futuro. “Parece que gustou o que fixemos xuntos e manteremos o contacto, porque non nos coñeciamos para nada e si que algunha pequena colaboración podería fraguarse para o futuro, temos algo entre mans, pero tampouco che podo adiantar nada até que non teña lugar”. 

Regreso á música 

Yolanda sempre estivo interesada en proxectos multidisciplinares e sempre gostou de facer dialogar a súa poesía con outras artes. Ten desenvolvido distintas experiencias co mundo da plástica, co audiovisual e tamén coa música. De feito, en 2000 publicou Edénica, unha antoloxía persoal de toda a súa obra anterior, acompañada dun CD no que cantaba versións musicadas dos seus poemas.

“Eu canto algo, pero non moito publicamente, pero si que gravara temas cantados e recitados, pero foi hai moitos anos, e tampouco me sinto moi identificada agora mesmo, era moi moi noviña. Pero ben, nunca me pecho a cousas que poidan xurdir porque a min cantar sempre me gustou e agora máis recentemente teño Tender a Man, que é unha formación na que a música a poñen máis outras persoas, como Isaac Garabatos e Jesús Andrés, que poñen a música, e Mónica de Nut que pon a voz, xunto coa danza de Branca Novoneyra, e eu poño máis a poesía. Pero a min a música sempre me tirou”. 

Comentarios