Conexión Santiago-Madrid para honrar a Cela no seu centenario

Comeza a conta atrás das efemérides deste ano coa programación do centenario de Cela que vén de presentar a Xunta, onde colabora co Ministerio e con outras moitas institucións, tamén privadas.

cela
photo_camera Camilo José Cela

A Xunta presentou hoxe, sexta feira, en Padrón a programación do aniversario do novelista de Iria Flavia, na que destaca unha exposición na Biblioteca Nacional de España e na Cidade da Cultura.

O calendario de iniciativas, que inclúe exposicións, un congreso, cursos, un ciclo de cine, novas edicións, certames literarios, actividades escolares e diversos proxectos de dixitalización do fondo documental da fundación, terá o seu atractivo central na mostra ‘CJC 2016. O centenario dun Nobel’, que se inaugurará na Biblioteca Nacional de España (BNE), en Madrid, o vindeiro 23 de xuño, onde permanecerá ata o 2 de outubro. Comisariada por Adolfo Sotelo Vázquez e coorganizada por Acción Cultural Española (AC/E), coa colaboración de Abanca e da BNE, a exposición exporase tamén no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura do 11 de novembro de 2016 ao 19 de febreiro de 2017.

Xunto coa mostra principal, a programación inclúe diversos proxectos expositivos sobre a figura e obra do escritor. A Fundación José Cela acollerá tres exposicións ao longo do ano. De febreiro a abril exhibirase ‘El rucio de Sancho’, en conmemoración do IV centenario do pasamento de Miguel de Cervantes, co apoio da Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo. 

Entre maio e agosto será a quenda de ‘Compañías convenientes. Diálogos de arte contemporáneos co home poliedro’, unha mostra de arte contemporánea comisariada por Paula Cabaleiro na que colabora a Deputación da Coruña. E, a partir de setembro e xa ata fin de ano, a sede de Iria Flavia acollerá ‘O gran coleccionista’, que percorre as múltiples coleccións do escritor que se conservan na Casa-Museo.

Fóra da sede, o legado de Cela será protagonista de maio a xullo na Biblioteca de Galicia a través da mostra ‘Xoias que son revistas. A hemeroteca de CJC’; mentres que a Deputación de Guadalaxara organizará no verán unha mostra arredor de ‘Viaje a la Alcarria’.

A figura de Cela tamén se proxectará no exterior coa mostra ‘Arxentina na vida e obra de CJC’, organizada pola Biblioteca de Galicia, estará en Buenos Aires coincidindo co protagonismo de Santiago de Compostela como cidade convidada na 42º Feira Internacional do Libro que se celebra na cidade porteña. “É dicir, un atractivo máis para reforzar o papel de Galicia no maior mercado editorial de América do Sur”, afirmou o conselleiro. 

Dixitalización dos fondos

Para favorecer o acceso á súa obra e ao fondo documental que conserva a Fundación Cela, realizaranse tamén iniciativas de dixitalización de diverso material para a súa difusión e posta ao dispor da cidadanía a través da rede. Co Consello da Cultura Galega, colaborarase para a dixitalización e posta a disposición en liña do epistolario de Cela con autores e outras personalidade relevantes da cultura galega. Así mesmo, o Ministerio de Educación e Cultura e a Biblioteca de Galicia traballarán da man na dixitalización de parte do arquivo fotográfico da Fundación, composto por máis de 3.000 imaxes, que estará accesible a través de Galicia, a biblioteca dixital de Galicia, así como dos repositorios Hispana e Europeana.

Estas son as principais actividades, pero haberá moitas máis, nas que se implicará a propia Fundación Pública que leva o nome do artista, posto que tamén se celebran 25 anos da apertura da súa sede. 

Neste centenario colaboran o Goberno español, a Xunta de Galicia, a Biblioteca Nacional de España, a Acción Cultural Española, o Consello da Cultura Galega, as deputacións da Coruña e de Guadalajara, o Concello de Padrón, a Fundación Biblioteca Virtual Miguel de Cervantes, Abanca, El Corte Inglés e as universidades de Vigo, Camilo José Cela e Internacional Menéndez Pelayo. 

Comentarios