Conexión polo Atlántico

Ser testemuña é entender. Alicia Martínez entende moi ben os factores de tempo e distancia, así presenta esta serie enmarcada na tradición da fotoreportaxe. 

Exposición fotografía
photo_camera Unha imaxe tomada da exposición

A cámara de Alicia viaxou a Montevideo no ano 2015, onde comezou este proxecto, cunha temática revisitada numerosas veces, máis viva do que nunca. A migración, a identidade, a lembranza. Os protagonistas en concreto, galegos que xa hai tempo dividiron as súas raíces.

Que nos une a todos nós, habitantes do mundo? Que nos empuxa a, nun momento dado, abandoar a terra que máis queremos?

O traballo céntranse en tres elementos, a persoa, o lugar e o seu recordo, na forma dun obxecto. É un baile de imaxes na que a fotógrafa tenta asumir a súa posición obxectiva de rexistro, pero sempre, inevitable, exponse unha maneira de ollar. 

O traballo céntranse en tres elementos, a persoa, o lugar e o seu recordo, na forma dun obxecto


Neste caso a auga é para Alicia un elemento metáforico indispensable. O elemento líquido que permite o fluír da memoria, a conexión dun lado e doutro do Atlántico, tamén conecta a artista coa obra. Ela viaxou, eles tamén viaxaron. Os dous diferentes tipos de movemento, e diferentes experiencias vitais. 

Tamén, en “Memorias de Auga” hai un proceso de coñecemento, de exploración da propia orixe que se traslada á fotografía. Non se espía, escóitase ao que vai ser retratado e viceversa. As previas conversas de Alicia e a súa atención con estes galegos quedan latentes, en contraste con outros traballos no campo da fotoreportaxe.

As imaxes son directas e contemplativas , presentan a escena con naturalidade, cun chisco de intimidade en cada unha, por facer do obxecto querido o centro de atención, e contar así quen é o suxeito. O lugar dos encontros, no ámbito ambiguo entre o público e o privado dun bar, sitúa a historia. Convida ao espectador a pesquisar sobre un mapa nun acto case involuntario.

As imaxes son directas e contemplativas , presentan a escena con naturalidade, cun chisco de intimidade en cada unha

Perseguindo unha historia única, Alicia presenta estas “doces atmosferas que intentan levar a contraria á distancia”- nas súas propias verbas.

O concepto: a migración e as súas bifurcacións; o modus operandi: un ollar próximo e honesto.

Sorprende moi gratamente esta primeira exposición individual dunha fotógrafa que aínda ten moito por contar. Estaremos atentos, do seu devir neste ámbito maioritariamente copado por aventureiros. Polo momento, temos a sorte de desfrutar o seu estreo na casa Museo de María Pita.

Comentarios