Tambores, violíns e zanfonas: artesanía galega polo mundo

Coñecer o Lugo da luthería tradicional

O Obradoiro-Escola creado por Paulino Pérez e Faustino Santalices e integrado no Centro de Artesanía e Deseño (Centrad) cumpre en 2021 70 anos. Facemos un percorrido pola súa historia, a realidade dos obradoiros de instrumentos na actualidade e as mudanzas no oficio durante estas 7 décadas.
centrad1a
photo_camera Unha das salas do Centrad.

Obradoiro Escola de Instrumentos Musicais Galegos naceu co obxectivo de construír, recuperar e revitalizar o uso dos instrumentos galegos coma a zanfona e tamén a formación de novos mestres artesáns. Desde 1995 forma parte do Centro de Artesanía e Deseño da Deputación (Centrad) e en 2021 celebrará os 70 anos de existencia. Os seus fundadores, Paulino Pérez e o músico Faustino Santalices, puxérono en marcha en 1951 grazas ao filántropo, tamén lugués, Antonio Fernández, e hoxe é o centro responsábel de proxectos tan destacados como a construción das réplicas dos instrumentos representados no Pórtico da Gloria da catedral compostelá ou nas ménsulas do pazo de Xelmírez.


Paulino Pérez, luthier de gaita, zanfona e freixolé (pito galego ou frauta de pico para iniciarse como gaiteiro) foi tamén, e na compaña de Faustino Santalices, investigador e formador de artesáns e intérpretes. Unha filosofía que mantivo o obradoiro e que para o artesán Xermán Arias "tivo unha importancia capital, absolutamente relevante" posto que "as escolas nas que despois nos formamos todos saíron de aí e no mundo da construción de instrumentos en Galiza ese taller foi determinante".


Tal e como relatan artesáns coma o propio Arias ou Xaneco, desde entón e até hoxe en día a luthería medrou e mudou. "O oficio cambiou moito", asegura Xaneco, tamén formado no obradoiro do Centrad, que comenta que  a de Paulino Pérez foi "unha xeración na que artesáns de instrumentos en todo o país había moi poucos e pouca relación había entre eles cos máis novos". "Con nós dáse un paso na interrelación entre talleres e artesáns, cos maiores e entre nós" afirma o que tamén é presidente da Asociación de Gaiteiros Galegos. Pola súa banda Arias lembra que "isto medrou de maneira exponencial, cando puxen o obradoiro nos conservatorios había 5 ou 10 veces menos estudantes" dos que hai na actualidade e polo tanto, "o volume de traballo é moitísimo máis grande e tamén por iso somos agora máis os que nos dedicamos a isto".


Ambos os dous artesáns, Xermán e Xaneco, comentan como na fabricación dos instrumentos non houbo "moito cambio" nestes tempos, xa que se trata de "traballar coas técnicas tradicionais" aínda que, engade Arias "non sexamos alleos á tecnoloxía".


Outro é o galo que canta se falamos da clientela. Xaneco lembra que "cando empecei, a xente que se achegaba eran músicos e non entraban en detalles estéticos, fiábanse do teu criterio", mentres que agora, "a clientela quere un instrumento personalizado, un instrumento que sexa único e moitas veces decorado á parte de que soe ben".

Historia, tradición musical e luthería
O obradoiro do Centrad recolleu, na súa orixe os fondos da sección de música do Museo lugués pero, ademais de gardar o patrimonio musical galego, sumou instrumentos mecánicos, xoguetes sonoros e unha colección de indumentaria. 


Coleccións que se distribúen en 4 salas dedicadas a Antón Marcos (fundador da granxa escola de Barreiros, tamén en Sarria) e Paulino Pérez, ao músico Faustino Santalices e aos instrumentos medievais recreados no Pórtico da Gloria ou no pazo de Xelmírez. A sala 'Antón Marcos' recrea o obradoiro histórico (creado en 1951) e mais os útiles de traballo do Paulino Pérez que contaba cunha única máquina, o torno, e tiña por ferramentas habituais os coitelos de man ou as gubias, ademais de legras (utensilios máis propios dos zoqueiros). 


A denominada sala 'Xelmírez' compóñena as réplicas dos instrumentos representados nas ménsulas do pazo homónimo e na súa realización participou, entre outros, o luthier Xermán Arias. A sala 'Pórtico da Gloria' conta coas réplicas dos instrumentos de corda fretada (órgano, viola en 8 e viola oval) e de corda pulsada (coma o laúde, a cítara e a arpa rota). O Obradoiro-Escola de Instrumentos Musicais Galegos conta coa súa propia sala, 'Faustino Santalices e Paulino Pérez'.

O Obradoiro-Escola, agora integrado no Centrad, foi xermolo do resto de talleres de instrumentos artesáns do país.

Convivencia e cooperación entre 6 talleres artesáns
O xermolo da luthería galega actual está, sen ningunha dúbida, no obradoiro do Centrad, de onde saíron artesáns coma Antón Corral ou Manuel Brañas, que logo crearon as súas propias escolas en Vigo ou Ourense. Pola súa banda, Lugo conta con media ducia de talleres dirixidos por cadanseu artesán e especializados tamén en diferentes instrumentos.


A Luthería Arxemil, no concello de Sarria, é onde o artesán Xermán Arias constrúe e repara instrumentos clásicos coma violíns, violas e violoncelos.

Xaneco é o nome comercial co que Xosé Manuel Tubío fundou o seu obradoiro, en Outeiro de Rei, a mediados da década dos 90. Ademais das percusións, que non poden faltar en ningunha banda de gaitas galega, Xaneco dedica a metade do ano á construción e reparación de zanfonas.


Miguel Mosquera é quen se agocha detrás de Paporrubio instrumentos musicais, taller onde se elaboran gaitas e requintas (frauta traveseira típica do país).


Lis Latas é outros dos obradoiros lugueses que, con máis de 25 anos de experiencia, combinan as técnicas tradicionais e as novas tecnoloxías para construíren e repararen as súas gaitas.


O sexto taller a ter en conta é o de Sito Carracedo, no que ademais de gaitas se constrúen pitos e peitoques, este último é unha evolución das castañolas que se pendura do pescozo e toca coas mans.

A zanfona galega

Xaneco entrou en contacto coa música tradicional nos anos 80, a través da asociación cultural de Outeiro de Rei. Desde entón, a súa vida xa non se desligou nin da música galega (preside a Asociación de Gaiteiros Galegos) nin da construción de instrumentos. Formouse primeiro como carpinteiro, da man do seu pai, e comezou a experimentar coa percusión. A mediados dos 90 o Obradoiro-Escola de Instrumentos Musicais Galegos impartiu o curso de 800 horas na construción de zanfonas. Agora, Xosé Manuel reparte o seu ano laboral ao 50% entre a construción de instrumentos de percusión e a construción de zanfonas galegas.

Luthería clásica

Xermán Arias entrou en contacto coa luthería ben neno, na súa aldea de Vilei, no concello de Sarria, onde tiña o seu obradoiro Paulino Pérez, que no ano 51 botara a andar a Escola-Obradoiro de Instrumentos que hoxe forma parte do Centrad. Nesta escola comeza Xermán a súa formación nos anos 80 e logo de 8 anos completa os estudos en Francia. Funda o seu obradoiro en 1994, en Sarria, e especialízase na construción de instrumentos de corda friccionada: viola, violoncelo, violín... sen esquecer o instrumento recuperado por Paulino Pérez e Santalices, a zanfona. 

deputacion lugo

Comentarios