"Coñecer a especie para unha cría sustentábel"

Ante o incremento da demanda do ourizo de mar Paracentrotus lividus, con preto de 700 toneladas de capturas anuais na Galiza, o proxecto de investigación Ocimer vai estudar a optimización do seu cultivo. Atende as nosas preguntas Estefanía Paredes, investigadora do grupo EcoCost da Universidade de Vigo e responsábel do Servizo de Preservación Funcional de Organismos Mariños da Estación de Ciencias Mariñas de Toralla (ECIMAT) do Centro de Investigación Mariña.
José Manuel Estévez, Damián Costas, Berta Barreiro e Estefanía Paredes.
photo_camera José Manuel Estévez, Damián Costas, Berta Barreiro e Estefanía Paredes.

Cal e o obxectivo principal que persegue o proxecto?

Estudar o cultivo do ourizo de mar tanto fóra do medio marítimo, nunha planta de acuicultura, como a extracción directa da costa. Unha das ramas do proxecto estuda como maximizar o cultivo no laboratorio, obter a maior cantidade de cría que podería despois traspasarse ao mar para sementar nas zonas de captura igual que se fai coa ameixa, que se sementa nas praias para logo recollela. Tamén queremos saber cantos destes ourizos chegan á talla de captura e cales son os tamaños nos que poderiamos transferilos desde o laboratorio ou desde a planta.  

Ocimer ten tres liñas, unha delas a de repoboación, non?

Un dos nosos obxectivos é saber se nós repoboásemos unha zona con xuvenís de ourizos de mar, cantos poderían chegar a talla de adulto. Para iso, a nosa idea é marcar individuos xuvenís, xuntalos, para o que colaboramos coa confraría de Cangas que nos facilitou un espazo na zona. Como non se fixo nunca, temos que determinar como marcalos. Unha vez que se liberen no medio levaremos a cabo recapturas para ver se medran, como de axiña, e se poderían capturarse e venderse.

No que atinxe á parte de cría, como se enfronta o traballo? 

En realidade, o que se consome do ourizo é a gónada e a calidade inflúe moito no valor no mercado. Por iso queriamos saber se cunha dieta específica, individuos extraídos do mar nunha época que non é a máis idónea, se poderían acondicionar e pór a punto para a venda. 

Esta industria pode ser sustentábel?

Podería selo perfectamente, sempre e cando saibamos todo o que debemos sobre a especie. Agora mesmo, na Galiza non se extrae unha cantidade que sexa preocupante, pero en Europa, a maior parte das peixarías foron decaendo en capturas porque o recurso se estaba a esgotar. O que nós queremos é achegar información para que iso nunca chegue a pasar aquí. Temos unha marabilla de recursos mariños e estamos bastante acostumadas a que todo o que sae do mar se pode comer. Porén, cando facemos disto un negocio e queremos que sexa sustentábel temos que preocuparnos por outras cuestións. Non é só que estea rico, senón que ademais debemos poder facelo ao longo do tempo, que sexa sustentábel para a especie e para a xente que vai a vivir do recurso, asegurando que sempre haxa unha seguinte xeración.

Comentarios