A súa edición número 33 será o 31 de agosto

O Condado dedica o seu festival de poesía ao internacionalismo

Internacionalismo, ternura dos povos é a palabra de orde da 33ª edición do Festival de Poesía do Condado. Recitais, teatro, exposicións, palestras e concertos conforman a oferta dun dos encontros máis veteranos do verán galego, que este ano decorrerá o 31 de agosto en Salvaterra de Miño.

rebeliom inframundo no condado 2018
photo_camera O grupo de rap Rebeliom do Inframundo no Festival de Poesía do Condado de 2018. Foto: Rebeliom do Inframundo.

Dos poemas de viva voz encargaranse as autoras dalgunhas das propostas máis comentadas da poesía galega última. Laura Ramos Cuba (Burela, 1993) publicou A situación actual o pasado ano e será unha das que lea na fortaleza de Salvaterra. Tamén Quico Valeiras (Carballiño, 1990), que vén de debutar con O tempo da cireixa (2019). Xespi organiza na parroquia salvaterrense de Cabreira o ciclo Entreverbas e tamén escribe poemas.

cartaz scd o condadoXiana Arias (A Fonsagrada, 1983) ten no seu haber dous influíntes títulos da literatura galega última, Ortigas (2007) e Acusación (2009). Lara Rozados (Poio, 1982), O caderno amarelo (2014). E Luz Pichel (Lalín, 1947) atópase entre as escritoras cuxa pegada e investigación lingüística máis se nota na actualidade. Os seus libros, Casa pechada (2006), Cativa en su lug(h)ar (2013) e Co co co u (2017).

O amplo apartado musical conta con tres nomes estelares, entre os de máis éxito popular da música galega: a canción de autora revoltada de Sés, o garaxe virado ao power pop de Familia Caamagno e o rap de Dios Ke te Crew. A maiores, máis presenza hip hop -ao cabo, poesía rimada sobre bases electrónicas: Flow do Toxo e Malvares de Moscoso.

Cinta Adhesiva practican pop electrónico e á súa fronte atópase a poeta Silvia Pena. Liska, ska punk, e son vellor coñecidos do Condado. Lelli Kelly's proceden de Moaña e fan rock'n roll á moda clásica. As Tres Nebrosas, De Ninghures e o picadiscos Sapoconcho sem Poncho completan o cartaz.

Comentarios