Convócao a RAG, a Fundación Barrié e Galiza Visual

O concurso 'Olla a palabra do día' xa ten os seus colexios gañadores

A Real Academia Galega, a Fundación Barrié e o colectivo docente Galiza Visual dan a coñecer os oito colexios gañadores do concurso 'Olla a palabra do día'.
alen_ceipvilaxoan
photo_camera Debuxo do CEIP Vilaxoán. (Foto: Nós Diario)

Arredor dun cento de proxectos concorreron ao concurso “Olla a palabra do día”, organizado pola Real Academia Galega (RAG) e a Fundación Barrié, ao abeiro do Portal das Palabras.

Deste modo prémiase a creatividade á hora de pór imaxes ás palabras, e resultaron gañadores os centros Fonte Díaz de Touro, Raquel Camaño da Coruña, Daría González de Pontevedra, A Magdalena das Pontes, A Espiñeira de Aldán (Cangas), Vilaxoán (Vilagarcía), Miraflores de Oleiros e mais o Instituto Español Vicente Cañada Blanch, con sede en Londres, que participou a iniciativa do profesor de Lingua e Cultura galegas do centro, Andrés Temprano Ferreiro.

“Olla a palabra do día”, lanzado coa colaboración do colectivo docente Galiza Visual, púxose en marcha co propósito de divulgar o léxico e potenciar a creatividade e aprendizaxe de conceptos complexos.

As palabras que había que converter en imaxes formaban parte do Día da Nena, do Samaín, a protección ambiental e homenaxeado nas Letras Galegas 2020, Ricardo Carvalho Calero.

O xurado, que estivo integrado pola escritora Fina Casalderrey, por parte da RAG, Diego Rodríguez pola Fundación Barrié, e Diana Pastoriza por Galiza Visual, destacou “a variedade, calidade e enxeño creativo” das propostas.

Os centros galardoados nas categorías de Infantil e Primaria 1 e Primaria 2 recibirán lapis, rotuladores, cadernos e outros materiais para o debuxo adaptado a estas etapas, e aos gañadores na categoría de ensino secundario (ESO) entregaráselles equipamento para o debuxo dixital.

“A palabra do día” é unha das seccións do portal da RAG, coa Fundación Barrié, na que se ofrecen recursos textuais, xogos e vídeos que conectan divulgación da lingua e actualidade con outros temas de interese.

Comentarios