O concurso de micro-relatos OZOCOgz pon a andar a súa 5ª edición

O prazo de envío dos traballos estará aberto até o 30 de abril

portada evento

A 5ª edición do concurso de micro-relatos OZOCOgz xa está aberta. As persoas interesadas en participar deben ter cumpridos os 16 anos, un relato inédito en lingua galega (que non supere as 140 palabras) e que a temática da obra sexa a memoria histórica.  Estes son os requisitos que deben ter os textos que se presenten ao concurso, que estará aberto até o vindeiro 30 de abril.

Con respeito á temática, este ano está centrada no período de tempo que vai desde a II República Española até a morte do ditador Franco. “Sirva este pequeno concurso como recoñecemento a todas as vítimas de antes e durante a Guerra Civil e, por suposto, ás vítimas da posterior e cruel ditadura franquista, e a todos os seus familiares. Familiares a que, aínda hoxe se lles nega, en moitos casos, o dereito a saber onde están soterrados os seus”, din as bases desta 5º edición do OZOCOgz.

En canto aos premios, haberá dous: o micro-relato gañador recibirá unha camisola  OZOCOgz e un vale por unha estancia para dúas persoas por unha noite, con almorzo incluído, na Aldea Rural Pazos de Arenteiro, no concello ourensán de Boborás. O segundo premio consiste na entrega dunha camisola OZOCOgz e un lote de libros.

No xurado, ademais das e dos representantes das librarías Andel de Vigo, Escolma do Carballiño, Miranda de Bueu, Pedreira de Compostela, Vagalume de Lalín e Suévia da Coruña, estarán tamén as escritoras e os escritores María Solar, Iolanda Zúñiga, Alfonso Láuzara e Francisco Castro, xunto con Susana Glez, gañadora da última edición do concurso.

Comentarios