O Concurso 'Interritmos' contará cun circuíto musical

Catro GDR promoven a iniciativa 'Sons do Rural, un certame que procura promocionar a cultura de raíz.
Unha das actuacións da edición 2021 de Interritmos (Foto: Deloa).
photo_camera Unha das actuacións da edición 2021 de Interritmos (Foto: Deloa).

Os Grupos de Desenvolvemento Rural (GDR) asociación de Desarrollo Local Deloa, Asociación de Desenvolvemento Rural da Comarca de Ordes, Salnés-Ulla-Umia e Ribeira Sacra-Courel, todos eles recoñecidos como entidades colaboradoras da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural para a aplicación dunha Estratexia de Desenvolvemento Local na medida Leader da Galiza, asinaron un convenio de colaboración para traballar en rede no concurso 'Interritmos: Sons do rural', que busca a potenciación do patrimonio musical galego. 

A condición de 'beber' da música de raíz

O Concurso está destinado a músicos, grupos e bandas instrumentais ou vocais, de até un máximo de 8 compoñentes, con traballos que versen tanto na recreación ou evolución de pezas tradicionais, como en pezas de nova creación que 'beban' da música de raíz. 

Para o desenvolvemento de Interritmos primeiro terá lugar un concurso de maquetas en liña. Após este paso previo, entre todas as persoas participantes, un xurado profesional seleccionará seis finalistas que participarán nun encontro musical o vindeiro 4 de xuño no Náutico de San Vicente do Mar, no Grove.

Neste Encontro Musical, a través dunha actuación en directo, serán seleccionados como gañadores dous grupos ou artistas gañadores.

O xurado desta edición está constituído por Chema Cebeiro, mestre e investigador etnográfico; Olga Kirk, mestra e investigadora de música e baile tradicionais; e Fransy González, transmisora oral de música tradicional.

Como premio un circuíto musical

As propostas gañadoras obterán como premio realizar un circuíto musical ao vivo nos territorios implicados, a maiores contarán cun premio en metálico de até 480 euros, ademais poderán tocar no Festival da Luz 2022 e gravar un tema e un videoclip de maneira profesional.

O prazo para a presentación de maquetas abriu onte e rematará o 16 de maio de 2022. 

Ao igual que na edición de 2021, 'Interritmos: Sons do Rural' contará coa realización de coloquios e charlas que tratarán de distintos aspectos de temática musical e cultural, nas que participarán figuras de relevancia nestas temáticas e xornalistas. 

Comentarios