O Concurso de Fotografía Xurxo Lobato entrega os premios da súa décima edición

684 instantáneas presentáronse ao certame Xurxo Lobato de Fotografía que chega a súa décima edición. A imaxe “Reflexos” do alumno do IES de Ribadeo, David Darriba, foi a escollida como gañadora do concurso organizado pola Asociación de Antigos Alumnos do IES Monelos. 

Imaxe de David Darriba
photo_camera Imaxe de David Darriba

Con “Reflexos”, o ribadense David Darriba recolleu o premio do concurso Xurxo Lobato que convoca a Asociación de Antigos Alumnos do IES Monelos e á que, nesta décima edición se presentaron máis de 300 concursantes con 684 imaxes. “Soidade do Rural” do alumno do CIFP Ánxel Casal da Coruña, e “Monte Faro” de José Gadea da Escola de Imaxe e Son de Vigo acadaron o segundo e terceiro premios. Beatriz González, do IES Monelos recibirá unha bolsa para a realización dun proxecto fotográfico pola súa imaxe “Message in a bottle”, premio este especial para conmemorar o décimo aniversario do certame. 

O obxectivo do concurso é contribuír a fomentar a fotografía entre alumnos de ensinanzas medias de Galiza e desenvolver a linguaxe fotográfica no país, para promover o nacemento de novos valores no ámbito da fotografía creativa. Busca tamén darlle protagonismo aos centros de ensino público como elementos activos na cultura galega. 

As fotografías premiadas formarán parte dunha exposición itinerante que pasará polas bibliotecas municipais da Coruña, Centro Ágora A Coruña, Fórum Metropolitano, Museo do Pobo Galego, Escola de Imaxe e Son de Vigo, IES Monelos, IES María Casares de Oleiros, IES Puga Ramón A Coruña, IES Saturnino Montoxo Ferrol, Aula D de Vigo e IES Imaxe e Son da Coruña. Unha paxina en Facebook recolle durante todo o ano a actividade do certame e divulga iniciativas fotográficas.  (https://www.facebook.com/pages/CONCURSO-DE-FOTOGRAFIA-XURXO-LOBATO/109741835734477)

Comentarios