Concha Blanco será a "Escritora na súa Terra" da AELG en 2021

A entidade, logo dunha asemblea, revela liñas de traballo para este ano, que inclúe un documental co gallo do 40 aniversario.
Concha Blanco. (Foto: Cedida)
photo_camera Concha Blanco. (Foto: Cedida)

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega acordou esta mañá, na súa asemblea xeral de socias, que Concha Blanco sexa a próxima “Escritora na súa Terra – Letra E”. Recibirá polo tanto unha homenaxe que este ano chega á súa vixésimo sétima edición; e que terá lugar en xuño, en Cee, coa colaboración do Concello, quen xa acordou por unanimidade atribuír o seu nome a un espazo público na vila.

Tamén se aprobou o programa para o ano, que xa comezaron co Día de Rosalía de Castro. A aposta centrarase en continuar con actividades de traxectoria xa asentada e de alcance social, como os paseos literarios ou os obradoiros da Escola de Escritoras e Escritores da AELG.

Tamén haberá espazo para a organización ou coorganización de xornadas de formación dirixidas ao estudo das diferentes formas de crear literatura contemporánea desde os espazos de formación de novos formadores-as/educadores-as/mediadores-as da lectura.

Igualmente, reforzarase o proxecto coordinado pola Sección de Literatura Oral cunha nova Gala dos Premios Mestres e Mestras da Memoria e a través da celebración de máis polafías e, no outono, dunha nova edición, a décimo cuarta, da Xornada de Literatura de Tradición Oral.

Tamén se deu conta da primeira fase de elaboración do Libro Branco de Escritoras-es en Lingua Galega, que continuará cunha segunda parte durante 2021.

Asemade, a visibilidade da escritora e do escritor a través da web continuará a ser un eixo central da actuación da entidade co enriquecemento do espazo común e máis das páxinas individuais.

Dado que en 2020 a AELG fixo 40 anos desde a súa fundación, a presidencia informou da continuación dos traballos de elaboración dun documental no que se repasa a historia da entidade durante todo este tempo, prevendo a súa divulgación pública en Pontevedra, na medida en que as circunstancias da pandemia o permitan.

A presidencia informou así mesmo de que se está traballando para asentar a recentemente creada conferencia de asociacións de escritoras e escritores como medio para conseguir obxectivos comúns en beneficio das respectivas bases asociativas, como por exemplo a redacción dun Código de boas prácticas para a elaboración de bases de premios literarios.

Comentarios