Concertos para non perder no Womex

É difícil escoller entre a oferta do Womex. A segunda edición desta feira das músicas do mundo que se realiza en Santiago ofrece, na súa sección aberta aos públicos, 45 concertos e 9 documentais sobre música que farán difícil a escolla para os espectadores. A seguir, algunhas opcións para non perder nunha oferta tan densa, continuada e excepcional como o Womex.

maia
photo_camera Maïa Barouh

Quinta feira 20

A primeira xornada no Womex Quintana Festival, a sección da feira que se realiza na Quintana, pode ter protagonismo vocal. Dos dous artistas protagonistas do primeiro día teñen na voz o seu argumento. Faada Freddy, senegalés con vida francesa, canta a capella e o seu traballo máis recente non contén instrumentación. Freddy procede dun grupo de hip-hop, Daara J, que xa marcara éxito internacional. Os novos traballos e Freddy convérteno nunha das voces máis singulares das recentes músicas africanas.

A voz é un dos instrumentos de Maïa Barouh. É xaponesa e é francesa. Canta e toca a frauta. Pero canta seguindo un xeito particular de usar a voz do sur de Xapón. Ademais destas dúas características, peculiares en por si, Barouh combina ambas cousas co uso da electrónica como sistema de envolver a voz. O accidente de Fukushima marcou a súa carreira, reorientándoa cara ás súas raíces xaponesas.

Sexta feira 21

O mundo é grande e se hai quen desconfía que pase polo Womex. Dous casos de bandas con directos potentes e de procedencias ben distantes danse na Quintana a sexta feira vindeira. Bixiga 70 é un grupo de Brasil, mais non se senten obrigados a facer música do Brasil. Eles combinan case todas cantas músicas hai, do funk ao samba, e baten na música até conseguir algunhas aguerridas novidades. Oligarkh son outra cousa. Son rusos e o clima de Brasil pode producirlles envexa. Na súa música hai rock, ou soul, ou tamén funk. Pero ademais está a incorporación de músicas populares rusas para completar os seus matices. Quen tamén ten influencias do rock e das músicas que orbitan no seu arredor é Dudu Tassa & The Kuwaitis. Orixinario de Irak, criouse en Israel. Comezou a publicar discos con 13 anos e cos anos e os éxitos foi recuperando músicas de Irak para incorporar ao seu repertorio e ao seu estilo.

Sábado 22

Bargou é un povo da fronteira que separa Tunicia de Arxelia. É unha das zonas máis pobres de Tunicia. Dalí é o cantate Nidhal Yahyaoui, unha das súas primeiras ocupacións foi recuperar o repertorio da súa cultura musical. Creou Bargou 8 e, alén de gravar en estudo móvil pezas tradicionais, combinou con estas músicas sons electrónicos. United Vibrations viven en Londres. A súa música tamén. Tocan unha mestura de ska e punk, mais as súas influencias son Coltrane e Kuti, ou Weather Report e Marley.

Galiza en Womex

Radio CosA segunda edición do Womex en Santiago terá, sobre os escenarios, tres protagonistas galegos. Radio Cos estará no escenario da Quintana o sábado 22 (21.45 H) cos ritmos que arrincan a enerxía desde unha lata de pementón, un pandeiro e unha pandeireta, cos seus cantos, máis violín, gaita e acordeón. Radio Cos utiliza a profundidade da música tradicional galega para cantar e para bailar. O proxecto musical de Xurxo Fernandes e Quique Peón traballa desde a tradición para definir a súa cultura musical actual, que eles definen como música soul galega.

Xabier Díaz e Narf están integrados na sección Atlantic Connections, que se realiza no Teatro Principal. Unha das seccións profesionais deste Womex. Xabier Díaz participa coas músicas do seu último disco, Mr Tambourine Man, xunto coas Adufeiras do salitre, un proxecto musical no que se recuperan cancións populares para ofrecelas como música de agora sen abandonar a tradición.

Narf & Timbila Muzimba é a combinación de músicas de Compostela e de Maputo. Narf, desde as influencias da mellor música pop, da música africana, Timbila desde Mozambique, desde a agrupación duns mozos decididos a preservar a identidade cultural da etnia Machopi da que fan parte. O resultado é unha combinación de ambientes mozambicanos, funk-rock e a comunicación intercontinental á que tamén contribúen músicos galegos como Marcos Teira e Ton Risco.

Comentarios