Sermos Galiza sortea seis entradas para o concerto de música antiga que recibe o Nadal en Compostela

“Vimos unha estrela: O ciclo do Nadal na Música Galega” é o título co que o Grupo de Música Antiga 1500 recibe as festas en Compostela. Da anunciación ate a visita dos Reis Magos a través dos cancioneiros do século XVI ás cantigas de Alfonso X. Sermos Galiza sortea seis entradas para o concerto entre as persoas que merqueno número 78 na súa loxa. 

.
photo_camera .

Un concerto singular nun espazo singular. O Grupo de Música Antiga 1500 preparou para o inicio das festas un concerto que percorrerá diversas composicións dos cancioneiros do século XVI ás cantigas de Santa María de Afonso X, O Sabio nun auditorio excepcional, a igrexa do colexio da Compañía de María- Ensinanza de Compostela. Será o sábado 21 ás 20.00 horas. 

“Vimos unha estrela. O ciclo do Nadal na Música Galega” percorrerá a festa cíclica desde a anunciación até a visita dos Reis Magos, ofrecendo distintas composicións creadas arredor do Nadal. O programa estará composto por pezas dos cancioneiros do século XVI ademais das cantigas do Rei Afonso X. 

Réplicas de instrumentos

Fídulas, frautas, chorimicas, baixóns, sacabuxas ou arpas tomarán parte dun espectáculo no que se tocarán réplicas de instrumentos da época nun escenario pouco empregado para iniciativas musicais como é a capela do colexio da Ensinanza en Santiago, un edificio que s comezou a construír en 1760 co deseño de Clemente Fernández Sarela. 

O Grupo 1500 leva desde o ano 2005 recuperando a música antiga a través da interpretación vocal e instrumental. Nos seus concertos tratan de achegarse con rigor histórico e conceptual á música antiga que forma parte dun repertorio no que botan man de instrumentos medievais e renacentistas. Canda concertos, na súa traxectoria desenvolveron tamén proxectos como creacións de bandas sonoras para documentais e películas, obradoiros ou concertos didácticos. María Giménez, voz e percusión, Belén Bermejo, voz e arpa, José Ignacio Castro, sacabuxa e frautas de bico, Víctor Blanco, guitarra barroca, guitarra renacentista e arpa, Roberto Santamarina, fídula e o director Andrés Díaz con frautas de bico, chirimía, baixón, vihuela e guitarra renacentista compoñen Grupo de Música Antiga 1500.

Entradas xa á venda 


As entradas para o concerto teñen un prezo de 7 euros e pódense adquirir en venda
anticipada no espazo enocultural VIDE, VIDE! na rúa da Fonte do Santo Antonio, nº 10,
de Compostela. Tamén se poderán mercar día do concerto, na billeteira, a partir das 18.00 h ou facer reservas a través do enderezo electrónico [email protected]. Sermos Galiza sortea seis entradas para o concerto entre as persoas que merqueno número 78 na súa loxa que etará disponíbel a partir da noite da cuarta feira, día 18.

 

Comentarios